Photo Galicia. 2009

PHOTOESPAÑA DISFRAZASE DE GALEGA.
Publicado en A Nosa Terra
Manuel Sendón

Neste outono inaugurouse PhotoGalicia organizada pola Fundación Caixa Galicia. Nun principio poderíase pensar que se trata dun festival máis, similar a algún dos existentes, como o Outono Fotográfico de Ourense ou Revela, ou a outros xa desaparecidos, como a Mostra Fotográfica de Lugo ou a Fotobienal de Vigo. Porén hai unha grande diferenza. Estes festivais, a pesar das distintas concepcións ás que respondían, foron pensados e realizados dende Galiza, mentres PhotoGalicia consiste en importarPhotoEspaña a Galiza cambiándolle o nome. Tráense as exposicións realizadas en Madrid, engadíndolle a dunha artista galega, como se con isto xa fose abondo para converterse nunha produción galega. E se ben é certo que a empresa  organizadora de PhotoEspaña ten todo o dereito a vender aquí as súas exposicións, outra cousa ben diferente é usurpar os nosos sinais de identidade, presentando o festival como unha creación galega.

Que a Fundación Caixa Galicia, ou calquera outra institución, mostre exposicións realizadas noutras latitudes obviamente non só non é criticábel, senón que é desexábel, é un bo complemento a outras pensadas e organizadas dende aquí. Outra cousa ben diferente é mercar todo o paquete en bloque e reducir a iso a programación do festival, facéndoo pasar por unha produción galega, como se non fósemos quen de pensar por nós mesmos e seleccionar o que queremos mostrar e como queremos facelo. Con esta forma de proceder a institución dá a impresión de ser incapaz de producir un produto propio que contribúa á dinamización da creación fotográfica en Galiza e cumprir desa forma co seu papel de institución pública galega. Galiza ten que participar no debate da contemporaneidade e iso pasa necesariamente por confrontar o propio co alleo, co que isto leva consigo a nivel de debate e reflexión,  pero non se acada converténdose nunha axencia de recepción. É tan estéril o illacionismo como o mimetismo ante o alleo. Imaxínanse a existencia de PhotoCataluña?  Ou  á Fundación La Caixa mercando todo o paquete e cambiando España por Cataluña? Evidentemente non existePhotoCataluña, como non existe PhotoEuskadi.

A exposición galega que inclúen, Frías, frágilesdurmientes, de Victoria Diehl, merece un comentario. En primeiro lugar dicir que considero de extraordinario interese a súa obra, que coñezo e admiro. No Centro de Estudos Fotográficos editamos o seu libro Vida e morte das estatuas e organizamos a súa primeira exposición. O seu traballo é do máis interesante que se fixo en fotografía neste país nestes últimos anos.  Unha vez dito isto debo engadir dúas cousas. Primeiro: non hai reciprocidade na relación con Galiza, dado que esa exposición non foi incluída en PhotoEspaña e non creo que o vaia ser, a pesar de que o seu interese transcende claramente o ámbito galego, como demostra a súa proxección fóra. Segundo: a exposición presentada en Vigo é a mesma, agás unha foto, que a realizada hai poucos meses na Galería Bacelos na mesma cidade. Un festival fotográfico ten sentido se contribúe a dinamizar a creación e a reflexión fotográfica. Habería, polo tanto, que aproveitar a ocasión para proporlle á artista, co tempo adecuado, a realización de novas fotografías, unha boa oportunidade para encetar un novo proxecto. Iso esixe dedicación e interese, en definitiva outra formulación, pero se o que se quería era exhibir unha imaxe nas rúas, nos aeroportos ou na publicidade mediática, entón claro que non era preciso contribuír á produción de algo novo.  A reflexión sobre isto transcende esta exposición en concreto e lévanos a reflexionar sobre a función das exposicións e programacións, e sobre o papel das institucións e dos comisarios na produción cultural.

Os tempos que vivimos, caracterizados polos cambios nas tecnoloxías da comunicación, fan que non haxa fronteiras para o coñecemento. Isto é extraordinariamente positivo e introduce modificacións na relación entre os centros de poder importantes e a periferia, á que en maior ou menor medida pertencemos, abrindo novas posibilidades para a difusión de proxectos dende ela,  pero tamén leva implícita unha gran tendencia ao uniformismo a partir dos valores e características da cultura dominante. Isto fai que adquira máis valor que nunca o dito de que a única forma de participar do universal é dende a defensa do particular, pensamento moitas veces repetido pero moi poucas aplicado con tino.  A miña experiencia de comisario, xunto con Xosé Luis Suárez Canal, da Fotobienal de Vigo demóstrame a eficacia desta formulación e como cunha proposta que teña certa singularidade se logra o respecto e interese por parte doutras culturas, así como o enriquecemento da propia e a súa proxección no exterior, e posibilítase realizar propostas que noutro caso serían imposíbeis ou de moito máis alto custo económico.

Xorde o interrogante de se hoxe, coa plena incorporación da foto á arte (co que isto implica no plano orzamentario) unido á proliferación de centros de arte contemporánea, seguen a ter sentido os festivais fotográficos tal como eran concibidos nas décadas dos oitenta e noventa. Aínda que iso é outra cuestión.

Quero deixar claro antes de concluír que non estou a facer unha crítica á calidade das exposicións de PhotoGalicia, nin á escolma de autores realizada. No seu momento non só expuxemos a Victoria Diehl senón tamén A G. Basilico e a J. Valhonrat. Recomendei aos meus alumnos que as visiten, e dunha forma particular a de Eugene Smith polo seu extraordinario interese. Teño que dicir tamén que, dende o seu inicio en 1998, teño colaborado con PhotoEspaña formando parte de diferentes xurados e facilitando o contacto con fotógrafos que querían incluír nas súas programacións logo de expoñeren na Fotobienal de Vigo.  Non obstante, as reflexións aquí expostas leváronme a non aceptar a invitación que me fixeron para participar nunha mesa redonda dentro de PhotoGalicia.

Malia ter pensado en diferentes ocasións escribir sobre PhotoGalicia, e máis dunha persoa mo ter suxerido, non quería ser eu quen o fixese por ter sido un dos comisarios daFotobienal de Vigo, pero o feito de que ninguén tratase esta cuestión unido a esta invitación do Xornal de Galicia, decidiume porque creo que é unha reflexión necesaria.

 

Deixar un comentario