Texto Carlos L. Bernárdez

Metáforas e fotografía. Os espantallos de Manuel Sendón.

Publicado no Faro da Cultura o 14 de febreiro de 21016

O último traballo do fotógrafo Manuel Sendón (A Coruña, 1951) Espantallos, exposto por primeira vez o pasado mes de outubro no Museo Municipal de Ourense dentro do Outono Fotográfico, vén de ser editado nun volume presentado so o selo do Centro de Estudos Fotográficos (Vigo, 2015).

Seguindo exemplos da súa longa traxectoria fotográfica, a nova serie de Sendón, achegando un sentido crítico sobre as ideas de reciclaxe e sobre o concepto de feísmo, é bastante máis que unha obra simplemente testemuñal. O traballo está realizado desde rigorosos criterios estilísticos, de xeito que ao tempo que testemuño, a fotografía preséntasenos desde o plano estritamente visual como un proxecto coherente, relacionado coas súas series ligadas á realidade galega como Visións (2003); Cuspindo a barlovento (2003); Ausencias e memoria (2004); Casas doentes (2006) ou Mil Ríos (2013), esta última realizada en colaboración con Fran Herbello.

En Espantallos presenta testemuños da creatividade popular na reutilización de materiais no mundo labrego tradicional, rompendo co tópico do feísmo. Nesta serie a pegada da presenza humana figura elidida, captada como arqueoloxía construtiva, como testemuño dun mundo campesiño sempre presente e con capacidade deglutir a modernidade do consumo. Estamos, pois, perante unha fotografía que non pretende ser simple fotoxornalismo, mais que tampouco evita o impacto contrastivo e a capacidade de reflexión. Espantallos é un bo exemplo de como a fotografía pode ser, é cada vez máis, un soporte ideal pola súa capacidade de comunicación plena e directa e, ao tempo, un medio perfecto para a expresión dos máis diversos matices visuais, chea de posibilidades e sutís variantes formais.

A historia da fotografía é, sobre todo, a historia do ollar e o de Manuel Sendón é un ollar laico e directo, mais nunca inxenuo, que define un lugar, un espazo, un determinado soporte formal, consciente de que quen concibe un espazo e un lugar concreto proba unha presenza e ao tempo unha determinada forma de entender o mundo. Neste sentido, o fotógrafo ofrécenos leiras e espantallos de diferentes lugares de Galiza, que amosan a tradicional capacidade de reciclaxe das culturas labregas. Non é casual que o texto co que acompaña as fotografías remate coa cita da “Europa campesina que todos temos dentro sen decilo” do poema inicial de Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Os Espantallos de Manuel Sendón son metáforas dun mundo rural e dun territorio seiturado polo suposto progreso. Mais o fotógrafo actúa non para resaltar a fealdade senón todo o contrario, para desde un coherente proxecto estético utilizar un traballo realizado co concepto de arquivo para unha finalidade evocativa que non agacha as contradicións sociais que a fotografía fai explícitas, pero que non quere actuar dun xeito paternalista na súa denuncia. Preséntanos, daquela, a complexidade, o eclecticismo, mais tamén a beleza presente no suposto refugallo, con alusións e diálogos coa produción da arte contemporánea, partindo do concepto de descontextualización.

ECLÉCTICA RECICLAXE

Sendón actúa con consciencia do valor comunicativo da imaxe. No seu caso, a realidade ofrecida perante a ollada do espectador transmite un elemento aberto canto as súas posíbeis lecturas, ao facer referencia á relación entre os materiais escollidos como tema -os espantallos- e mais a súa función, a súa identidade, as súas posibilidades de seren entendidos desde un sentido estético e crítico mais afastados da vulgar descualificación pseudoculta.

En traballos anteriores, como é o caso da serie amosada na exposición Ausencias e memoria (2004), Manuel Sendón presentábanos o retrato da ausencia, “a memoria do álbum”, álbum no que xa foran arrincadas as vellas fotografías, unha sensación de fotograma inmóbil, que unida ao carácter matérico do reproducido, favorecía a reflexión sobre a relación fotografía-memoria, podendo a primeira servir como substituta da segunda, pero tamén a segunda como substituta da primeira, completando circularmente a ambigüidade da lembranza.

Nesta ocasión, como facía tamén na serie Casas doentes (2006), a ausencia de seres humanos enxalza a súa presenza, a nosa presenza na realidade, creando un paradoxo que é, ao tempo, visual e interpretativo, sendo simultaneamente imaxes realistas -coa súa carga de ecléctica reciclaxe- e, ao tempo, case non naturais na súa completa soidade. A fotografía confórmase como un proxecto orgánico que en certo sentido transmite a plena vitalidade ao amplificar a súa resonancia emotiva. Nesta ocasión son obxectos creados -espantallos- que teñen un relato, unha historia, e que nos lembran a necesidade de que o noso universo vital e cultural estea dotado de sentido, dunha verdade que só desde a asunción desa “Europa campesiña que todos levamos dentro” se pode acadar en toda a súa complexidade.

Carlos L. Bernárdez