texto Bernárdez

Texto publicado por Carlos L. Bernárdez no Faro da Cultura o 25 / I / 07

 

 

 

CASAS DOENTES

“Mais, curiosamente, case todas estas fotografías están baleiras. Baleira a Ponte d’Acueil, xunto ás murallas, baleiras as pomposas escadarías, baleiros os patios, baleiras as explanadas dos cafés e baleira como tiña de ser, a Place de Tertre. Non son solitarias, mais si sen ambiente; a cidade, nestas fotografías, parece unha casa arrombada que aínda non ten inquilino”

As palabras de Walter Benjamin, da súa Kleine Geschichte der Photographie (“Pequena historia da fotografía”, 1931), referidas á obra do grande fotógrafo francés de finais do XIX e comezos do XX Eugène Atget, viñéronme á mente contemplando a última produción do fotógrafo galego Manuel Sendón Casas doentes, mostra que se pode ollar na sede viguesa da Fundación Pedro Barrié de la Maza desde mediados deste mes e até o 1 de abril. Como no comentario de Benjamin, estamos perante un baleiro construído mais neste caso dun baleiro non anterior a calquera momento de habitación, como suxería o pensador alemán a propósito das fotos de Atget, senón posterior, amosando a ferida lañada do abandono por medio da representación de fachadas de vivendas.

As “casas doentes”, tema exclusivo da exposición, son casas tapiadas, cegas e mudas mais que conservan a pasar do abandono a dignidade e harmonía dun pasado que se nos aparece como unha fenda aberta no noso presente, como materia para a nosa reflexión.

A historia da fotografía é, sobre todo, a historia da ollada e a de Manuel Sendón é unha ollada laica e directa, mais nunca inxenua, que define un lugar, un espazo, unha construción, consciente de que quen concibe un lugar concreto proba unha presenza e ao tempo unha ausencia. Neste sentido, o fotógrafo ofrécenos fachadas de casas de toda Galiza, “doentes” no duplo significado da palabra, xa que amosan a súa doenza, a súa enfermidade, mais tamén a súa carraxe, como animais convulsos, vítimas de brutal agresión, metáforas dun mundo rural e dun territorio seiturado polo suposto progreso. Mais o fotógrafo actúa non para resaltar a fealdade senón todo o contrario, para desde un coherente proxecto estético utilizar un traballo realizado co concepto de arquivo para unha finalidade evocativa que non agacha as contradicións sociais que a fotografía fai explícitas, pero que non quere actuar dun xeito paternalista na súa denuncia. Preséntanos, daquela, o caos, a incoherencia, o eclecticismo, mais tamén a beleza da materia, con alusións e diálogos coa historia da arte contemporánea, desde a pintura informalista até as “envolturas” á maneira de Christo.

O artista define tres espazos diferenciados na montaxe: na planta baixa ofrece unha espectacular instalación, con proxeccións aleatorias nun ambiente de praza, acompañadas as fotografías dun ruído ambiental de sons diversos e prolongados silencios, que lembra, na solución técnica as instalacións da videocreadora dinamarquesa Eva Koch, e na que se empregan catro canóns que proxectan trescentas fotografías de fachadas de casas a tamaño practicamente real que van mudando de unha en unha sen seguiren unha orde determinada. No segundo espazo, as fotos de casa do mundo rural son unha auténtica metáfora da destrución deste mundo no noso país; mentres no terceiro espazo, co mundo urbano e vilego como protagonista, reforza o sentido de “doenza” con referencias máis explícitas á arte contemporánea, como xa sinalamos anteriormente.

UN PROXECTO ORGÁNICO Sendón actúa con consciencia do valor comunicativo da imaxe. No seu caso, a realidade ofrecida perante a ollada do espectador transmite un elemento perturbador ao facer referencia á relación entre os lugares, as casas e mais o seu pasado, a súa función, a súa identidade, as súas posibilidades de seren moradas. En traballos anteriores, como é o caso da serie amosada na exposición Ausencias e memoria, Manuel Sendón presentábanos o retrato da ausencia, “a memoria do álbum”, álbum no que xa foran arrincadas as vellas fotografías, unha sensación de fotograma inmóbil, que unida ao carácter matérico do reproducido, favorecía a reflexión sobre a relación fotografía-memoria, podendo a primeira servir como substituta da segunda, pero tamén a segunda como substituta da primeira, completando circularmente a ambigüidade da lembranza.Nesta ocasión, a ausencia de figuras enxalza a súa presenza, a nosa presenza na realidade, creando un paradoxo que é, ao tempo, visual e interpretativo, sendo simultaneamente imaxes realistas -coa súa carga de caos, incoherencia e eclecticismo- e, ao tempo, case non naturais na súa desolada soidade. A fotografía confórmase como un proxecto orgánico que en certo sentido devolve a vida ao lugar ao amplificar a súa resonancia emotiva. Son casas que tiveron un relato, unha historia, e que nos lembran a necesidade de que o noso universo construtivo estea dotado de sentido, dunha verdade que só desde a asunción do pasado se pode acadar.

Carlos L. Bernárdez

 

Deixar un comentario