TORTURA EN FOTOS. 2004

Publicado en A Nosa Terra . 3-9 de xuño de 2004

Manuel Sendón

Cando se pensa nun conflito bélico do último século inmediatamente nos vén á cabeza algunha fotografía que non só o representa senón que o simboliza. A morte do soldado republicano de Robert Capa na Guerra Civil española, a do desembarco de Normandía, do mesmo autor, na II Guerra Mundial, o vietnamita executado en plena rúa polo xefe da policía do Vietnam do sur, de Eddie Adams, ou a nena espida e queimada correndo, de Nguyen Kong na Guerra do Vietnam. Nesta última guerra a fotografía xogou un importante papel ao sensibilizar a opinión publica da actuación do exército americano. Os gobernantes aprenderon a lección e preocupáronse por controlar as imaxes, para desa forma poderen controlar as mentes dos cidadáns. Cando lles interesaba había fotos, caso da Guerra dos Balcáns, e cando non lles conviña, como na Guerra do Golfo, eran moi escasas, e as que había practicamente non se difundían, como é o caso do primeiro plano da cabeza dun home carbonizado, de Kenneth Jarecke. As fotografías do escenario bélico foron substituídas polas fotografías do tenente X ou da tenente Z despedíndose da súa parella, dos ronseis luminosos dos bombardeos, ou das armas intelixentes de última xeración, e frecuentemente substituídas tamén por imaxes de roldas de prensa, gráficos e esquemas tácticos, que potenciaban que o lector xogase a ser un estratega militar. Na segunda guerra do Guerra como había pluralidade de posicións houbo imaxes, entre outras a do neno orfo que quedou sen pernas e sen brazos, o que deu lugar a que o levasen para USA e posteriormente difundisen amplamente as imaxes do neno con próteses co fin de neutralizaren o efecto da anterior.

Na Guerra de Iraq seguiron na mesma liña e dispuxéronse a aceptar fotógrafos encastrados nas unidades do exército americano, impóndolles unha serie de restricións, non tendo escrúpulos en disparar contra os que lles eran molestos, como foi o caso do asasinato do cámara de TV Xosé Couso. Porén non sospeitaron que a fotografía que ía representar esta guerra non sería a estatua de Sadam Hussein derrubada e envolta na bandeira americana, imaxe que mantén certas semellanzas coa que realizou en 1945 Joel Rosenthal escenificando a colocación da bandeira americana en Iwo Jima e que veu simbolizar o triunfo americano. As fotografías que van representar esta guerra son as das torturas e vexacións ás que foron sometidos os prisioneiros. Imaxes que, a diferencia das anteriores, non foron realizadas por fotógrafo ningún, senón polos propios soldados, imaxes de tipo privado, o que precisa reflexións dende diferentes perspectivas. En primeiro lugar, amósanos a que niveis de perversidade pode chegar o ser humano, chamando a atención que o propio acto fotográfico é un excitante para a violencia. Temos antecendentes nas fotografías de Corinne Dufka en Liberia, nas que segundo ela mesma ten referido a presenza da cámara fotográfica incrementaba a violencia. A diferenza no caso de Iraq é que son imaxes realizadas por eles mesmos e concibidas como sinais de autoidentificación.

En segundo lugar cómpre reparar na variación que experimentou a fotografía privada. Viuse liberada da súa natureza obxectual para, a través da fotografía dixital, ficar reducida a unha serie de números, a un arquivo informático, que en segundos pode viaxar de Iraq a USA e ser recibida a un tempo por tantos destinatarios como desexaron, sen necesidade de ter que facer copias nin pasar por ningunha censura (a reprodutibilidade da imaxe á que se refería Walter Benjamin hai setenta anos está adquirindo unha nova dimensión). Pero desta lección tamén tiraran conclusións, e seguro que cando invadan o próximo país imporán filtros para evitaren que isto volva acontecer.

Tense falado moito nos últimos tempos do proceso de incorporación das imaxes públicas ao contorno privado do individuo como consecuencia da crise dos modelos referenciais anteriores, como a familia, para seren subtituídos por referencias mediatizadas. Mais neste caso ocorre o contrario, imaxes privadas pasan a converterse en imaxes públicas cunha importantísima repercusión tanto no plano da comunicación como no político. Algo similar pasou o 11-S cando imaxes de afeccionados foron as que deron conta de como impactaron os avións nas torres xemelgas e con elas cubriuse a información en todo o mundo. O que pon claramente de manifesto que a relación coa imaxe, tanto fixa como en movemento, ten cambiado claramente, perdendo sentido a clasificación en compartimentos que se facía segundo o seu uso.

Para rematar, lembrar que as imaxes de Iraq foron reproducidas tapando as partes púdicas dos torturados non fose que alguén se escandalizase ao velas. Un pene ou uns peitos resultan máis obscenos que a tortura e a vexación.  

Deixar un comentario