Texto de Juan Creus

NOTAS SOBRE “ESPANTALLOS” DE MANUEL SENDÓN.            

Intervención de Juan Creus na presentación do libro Espantallos no CGAI da Coruña o 18/01/16

1   Estamos ante unha publicación de autor, próxima ao obxecto, mais tamén á paisaxe. Os espantallos representan ese encontro entre dous espazos da vida cotiá no mundo agrario: o da casa, ao través de obxectos e prendas de vestir; e o da parcela e o territorio que se cultiva. A reflexión sobre o obxecto lévanos á súa utilidade; a da paisaxe á imaxe e á apreciación estética.

Segundo Manuel, un ao debata sobre a reciclaxe e outro ao do feismo. Os dous, según dí, ao través dunha descontextualización que eu sen embargo vexo como a contextualización dun xeito de pensar que vai máis alá da casa e o traballo. Ao través do espantallo transmítese o comezo dunha historia. Ainda que esta supoña a desmaterialización ou unha simple proba do paso do tempo.

2    A reciclaxe ten que ver coa función. Non ao través da busca dunha funcionalidade explícita, senón dunha funcionalidade narrativa que se describe coa forza dun pensamento, inquedanza ou dunha expectativa que conta coa resposta do outro. O animal ou nós mesmos. Non debemos esquecer que o espantallo é un reclamo dentro dun hábitat. Dun ecosistema. E como todo reclamo, ao igual que sucede na arte, hai diferentes niveis de precisión nos recursos e na linguaxe. Deso depende en grande medida o seu éxito. Así temos o espantallo que vai, dende a creación directa do labrego que marcha para casa e deixa o impermeable colgado nunha estaca, ata a representación fiel da postura, o volume ou a forma dun home. É o campesiño quen queda alí, a súa representación, a súa pantasma. Mais é precisamente aquí onde importa o documentalista. El é quen nos revela unha intencionalidade artística que o autor e o observador descoñecen. O documentalista fai arte coa revelación da arte a alguén que non é artista. Manuel dille: ti podes crear (ao campesiño). E Manuel dinos: ti podes ver (ao observador).

3    O feismo lévanos ao territorio. E como presenzas no territorio, os espantallos son pezas efémeras. Mais o seu feismo é inocuo. Amosan a convicción da atracción en Galicia polo esperpento, por unha falta de conciencia. Algo primitivo, sen pautas craras, organizativas, do pensamento craro que, sen embargo, si atopamos no traballo campesiño. O espantallo forma parte dese pensamento, non do traballo. É un xeito de pensar, non de producir. Por iso hai experimentación e deriva. Creo que en Manuel, como en moitos de nós, hai nalgúns proxectos, esa experimentación improdutiva: penso en mil ríos, os percorridos na bici, ti vai facendo… que mergullan na nosa cultura buscando as razóns do seu pensamento.

 

JUAN CREUS

VOLVER A ESPANTALLOS