KSADO

 

Texto do libro Álbum  Ksado. ISBN: 84-87882-02-01 publicado polo Centro de  Estudos Fotográficos en  1992

Manuel Sendón 

Xosé Luis Suárez Canal

 INTRODUCCIÓN

Nestes últimos tempos téñense realizado exposicións e publicacións monográfricas dedicadas a diferentes fotógrafos históricos galegos, sen embargo a pesar de que hai maís de medio século que Ksado publicou Estampas de Galicia, non se realizou ningunha exposición ou publicación monográfica dedicada a este proxecto nin ao seu autor, pensamos que tanto este número da colección álbum como a exposición monográfica preparada polo Centro de Estudos Fotográficos, que terá lugar dentro da V Fotobienal de Vigo e das actividades previstas polo consorcio de Santiago para o programa Compostela93, poden axudar a cubrir ese baleiro.

De cara a estructuración deste libro recollimos o espírito do álbum de Ksado, tendo en conta claro está a diferencia de dimensións e deseño. Ao mesmo tempo incluímos algunhas imaxes realizadas posteriormente á edición de Estampas de Galicia, pero que, ao noso ver, completaban o seu traballo. Na exposición incluímos, tamén, unha escolma do traballo realizado no estudio. Para esta seguíuse o criterio de escolmar, nos casos en que foi posíbel copias de época,e cando non acudiuse a tiraxes novas. Son moitas as persoas como Roberto Pérez e Pastor Moscoso ás que debemos agradecer o préstamo destas. Dunha forma moi especial a Paco e Luis López Casado. Así mesmo, debemos lamentar que non se nos permitira o aceso ao material, realizado por Ksado, que neste momento posee Foto Sandine. 

Ata hai uns anos cando se falaba de fotografía histórica galega as referencias a Ksado eran inmediatas. Sen lugar a dúbida, era de todos os fotógrafos galegos o que fora capaz de dar á súa obra unha maior difusión en todo o país, logrando que esta fora considerada e apreciada. Aínda hoxe son moitas as casas nas que se conserva, a medio cubrir na maioría dos casos, o álbum Estampas de Galicia.

Luis Casado nacido no seo dunha familia castelá, no ano 1888 na cidade de Avila, pasa aos seis anos, como consecuencia do cambio de destino do seu pai funcionario de Facenda, a vivir na cidade de Ourense. Un par de anos despois regálanlle un caixonciño de 6×9 que tiña costado trinta pesetas e con el “retrataba cousiñas: a ponte, o río.. eu tiña entón nove anos e moita luz nos ollos”(1). O ano seguinte cando acababa de cumprir dez anos entra a traballar como aprendiz no estudio de Xosé Pacheco, estudio no que, tamén, aprendera o oficio Xaime Pacheco, quen nese momento empezaba a traballar coa viuva de Prosperi na cidade de Vigo. Como era tradicional naqueles momentos, permanece no estudio Pacheco ata que considera que xa domina o oficio e que é o momento de establecerse de forma independente. “A base dun fotógrafo é ter tido un bo mestre, no noso non se pode ser autodidacta. Pacheco era un fotógrafo moi bo. Foi o meu mestre”(1). Durante estes anos desplázase en burro para realizar fotografías polas diferentes vilas cercanos a Ourense.

El mesmo contará posteriormente como era a fotografía cando el se iniciou nela. “Aquelo era realmente difícil. Polo material, por todo….. Había que facer as copias sobre papel ao sol. ¡Non chegara aínda a época do papel bromuro..¡Tampouco se empleaba para retratar máis luz que a natural e con ela o retoque é moi difícil. Todo o mundo sabe que o retoque nun retrato é fundamental e de <dar escobazos > a conseguir un matizado como Dios manda vai un abismo… Había que queimarse os ollos. Hoxe, en cambio, coa luz artificial evítase moito traballo do lápiz…

Utilizábamos a placa Lumiere, que era a mellor daquela época. Pero o material era tan lento como non lle é posíbel imaxinar aos fotógrafos novos. Cos obxectivos que había, un 8’3, por exemplo , había que dar exposicións de tres segundos na galería. A xente non soportaba tanto tempo de rigurosa inmobilidade e había que suxeitar ao cliente cun aparato de < tortura > que xa só existe nos museos : o apoia- cabezas. Retratar a un neno naquelas condicións era dificilísimo. Logo cando pasaron os anos e viñeron os obxectivos máis luminosos: 6’3, 4’5…., a cousa era relativamente sinxela.

A Galicia chegou moi tarde o emprego da luz artificial nas galerías fotográficas. Foi Kodak quen trouxo a innovación que resultou salvadora para os profesionais . Claro que aínda quedan moitos empeñados en facer retratos con luz natural !é tan económica! “(1)

No ano 1915 establece o seu propio estudio na Rúa do Vilar de Santiago. Nese momento estaban tamén establecidos na cidade: Chicharro, coa galería na mesma rúa, Almeida e Guerra sendo con este último con quen tera maior rivalidade de tipo profesional. Son tempos en que ao fotógrafo se lle recoñecen, polo menos en certos ambientes, facultades máxicas. “Achegáronse dúas labregas ao meu estudio, para que as fotografiara. Unha delas clavou a vista no cristal esmerilado, e se veu invertida. Consultou algo ao oído da outra, e fóronse para volver ao pouco tempo coa roupa interior máis adecuada”(2).

Posteriormente no ano 1922, xa co estudio de Santiago claramente asentado, decide ampliar a súa actividade abrindo un novo estudio en Vigo, cidade que lle brindaba máis posibilidades desde un punto de vista económico, quedando ao cargo do de Compostela a súa irmá Carmiña. Inmediatamente debido ao seu caracter sociabel establece en Vigo moi boas relacións. Como anédocta podemos recordar as súas aventuras co Xeneral Primo de Rivera cando este estando no poder veraneaba na vila de Mondariz, o que unido ao gran prestixio profesional que alcanza, fará que que polo seu estudio da rúa Galán, hoxe Principe, pasen as familias máis pudentes da sociedade viguesa. Realiza ao mesmo tempo unha grande actividade destinada aos medios de comunicación. Nestes anos da segunda metade da década dos vinte é cando os xornais El Faro de Vigo e El Pueblo Gallego empezan a introducir fotografías de forma continua (3). A parte dos dous citados colabora tamén no diario “Galicia”, editado polo seu amigo Valentín Paz Andrade, e dende o ano 13 na revista “Vida Gallega” editada en Vigo igual que os anteriores. De todo este traballo cómpre lembrar dunha forma especial a viaxe realizada polas provincias de Pontevedra e Ourense co xornalista Xosé Signo para El Pueblo Gallego.

Desde practicamente o comezo traballou para a prensa, tendo xa no ano 1911 carnet de corresponsal de “El Nuevo Mundo”. Durante a súa longa vida profesional publica as súas fotos en ABC, Agora, La Esfera, Mundo Gráfico, Nuevo Mundo, La Vanguardia, Celtiga…..Dunha forma especial recordará posteriormente a súa colaboración coas publicacións arxentinas “La Nación”, “La Prensa” e “Diario de la Marina”. Estes diarios publicaron fotografías miñas a toda plana cando o ocogravado estaba en mantillas en España. Ademáis pagaron decorosamente o meu labor”(2). Nos anos anteriores á Guerra Civil son innumerabeis as publicacións nas que aparecen as súas fotografías. Durante a dictadurade Primo de Rivera publica o libro “Estampas Compostelanas” dedicado a arquitectura e monumentos de Santiago. Sen embargo será Estampas de Galicia publicadas en 1936 a súa obra fundamental e a que o fará permanencer no recordo de moitos. 

ESTAMPAS DE GALICIA

Co obxecto da súa edición créase no 36 a sociedade Estudios Kasado S.L. formada polo propio Casado, Xosé Garcia Torres (socio capitalista que abandoará a empresa poucos meses despois) e Fernando Ruíz Moreno, a quen Portela Valladares trouxera de “La Vanguardia” de Barcelona para facerse cargo da xerencia de “El Pueblo Gallego”, asumíu a parte empresarial do proxecto.

“Estampas de Galicia” foi editado como un álbum, de 10.000 exemplarse de tiraxe, no que se debían pegar os 405 cromos de diferentes tamaños ( desde 6 x 9 a 12 x 17cm ) que o compuñan. As estampas conseguíanse cambiando os vales que entregaban ao facer compras en diferentes establecementos de todo o país. Establecementos de todo tipo como: ultramarinos, droguerías, mercerías, carnicerías, tendas de roupa ou farmacias, só na cidade de Vigo había máis de 60. O éxito foi grande e en tres meses, do mes de abril a xullo, alcanzaron unha grande difusión.

Esta publicación concebíase como o comenzo dun proxecto editorial moito máis amplo. Así na coberta aparece impreso “Album nº1”, tendo xa no momento da aparición deste, pensada a edición doutros. Ao mesmo tempo que o álbum editaron tamén selos con diferentes imaxes para pegar na parte posterior dos sobres de correos.

Pretendían, así mesmo, ampliar a distribución de “Estampas de Galicia” a outros países “Tiñamos contactos en América, Lisboa e outras cidades nas que residían moitos galegos, para introducir o sistema das cromos” recorda Fernando Ruíz.

Nesta publicación, a diferencia das demáis publicadas naquela época, será o propio fotógrafo quen estableza, coa escolma das súas fotografías, o discurso xeral do libro, mentres que nos demáis casos esto será feito polo editor.

“Estampas de Galicia” constitúe un percorrido por todo o páis presentando vistas das cidades e vilas, rúas e monumentos, paisaxes, escenas do traballo nos portos e da vida campesiña. A súa concepción queda perfectamente definida na súa propia propaganda ” exaltar os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lexendarios da nosa terra”(4), non sendo en ningún momento unha visión crítica ante ningún aspecto da realidade, senón que pola contra será o producto dunha visión idealizadora da realidade. El mesmo define o obxectivo da fotografía como: “Descubrir a beleza onde se atope”(2). A finalidade será a de “propulsor eficaz do turismo cara a Galicia”(4), e o seu papel potenciador do coñecemento e amor ao páis “Amase máis aquelo que mellor se coñece, e nada contribuirá tanto ao entrañabel amor a Galicia como a divulgación da súa varia e infinita beleza”(4).

Nesta obra presentase un mundo rural moi idealizado con abundancia de escenas idilicas, non aparecendo reflexado ningún aspecto do mundo industrial. Así mesmo abundan as paisaxes con efectos pictorialistas producidos polo movimento da auga e das nubes, fotografiadas estas con todo tipo de filtros á vez para lograr tempos de exposición moi altos e dar un efecto algodonoso. Amosa unha clara preferencia pola fotografía de arquitectura “Gustanme tanto tanto o monumento coma a paisaxe. O primeiro, naturalmente, é máis difícil de interpretar que a paisaxe”(2). Prestaralle unha atención moi especial á fotografía de monumentos artisticos, dunha forma moi especial á Catedral de Santiago e a toda a arquitectura compostelá en xeral, o que levou a Otero Pedrayo a escribir:” El e Castelao foron os grandes desveladores das pedras de Santiago”

A relación de Casado con intelectuais, artistas e institucións de tendencia galeguista como o Seminario de Estudios Galegos lévanno a participar do rico movimento que nese momento se estaba a dar de cara a establecer as señas de identidade do país, e desde este punto de vista debe ser analizada Estampas e o seu achegamento aos monumentos históricos ou a vida campesiña. Está claro que dentro de este movimento hai posturas moi distintas. Así por exemplo a postura de Casado pode ser considerada en moitas ocasións de enxebre, frente a outras posturas como a de Castelao moito máis politizada e caracterizada pola identificación emotiva e ideolóxica coas clases oprimidas. Son anos nos que se presta moita atención á mitoloxía celta de cara a buscar e explicar elementos diferenciadores da nosa identidade colectiva, nalgúns casos chegarase a falar da raza celta, concepcións hoxe totalmente superadas dentro do nacionalismo galego. A nivel artístico debemos de conectar estas concepcións co interese que nese momento se dá a nivel internacional polo primitivismo. Pénsese por exemplo no interese pola escultura negra ou os obxectos procedentes de Polinesía. Casado mantera unha estreita relación co escultor Francisco Asorey, fotografiando en moitos casos mentres Asorey esculpía “Recordo -dinnos Pastor Moscoso- cando fumos fotografiar a modelo mentres posaba para o tesouro” nalgúns outros casos como “A Naiciña” e “A Picariña” as similitudes son enormes, incluso levan os mesmos tiduos. “Estábamos na feira se Santa Susana cando os vimos -referíndose o seu sobriño Luis aos personaxes de “A Naiciña”- chamáronlle a atención de inmediato pola súa expresividade e polas faccións celtas que presentaban, levounos ata o estudio e con luz suave preparou e realizou o retrato”. Sen embargo o hieratismo da fotografía de Ksado non obedece só a razóns de tipo estético como no caso de Asorey, senón que son determinadas pola técnica e concepcións da fotografía clásica. As súas concepcións estéticas eran as clásicas que a fotografía establecera no século XIX, ben distantes, polo tanto, das innovacións vangardistas que nese momento se estaban a dar nalgúns lugares de Europa. Salvo contadas fotografías todas elas se caracterizan por un gran estaticismo e unha buscada colocación previa.

Ksado logrará nestes anos que o seu traballo sexa considerado de forma distinta ao dos demais fotógrafos. ” A súa fotografía era artística a dos demáis fotografos non. Era traballo profesional” dirannos máis dunha persoa que o coñeceu naquel momento, e mesmo nos xornais era presentada baixo os titulares de “Fotografía Artística”. A pesar de que naqueles tempos as exposicións de fotografías eran escasas a súa obra foi exposta en Ponferrada, Betanzos, Vigo, Buenos Aires e no Palacio de Cristal e no Centro Gallego de Madrid. Esta última institución otorgaralle o primeiro premio do único certame ao que se presentará. Co paso do tempo quedou para moitos a obra de Ksado, fundamentalmente a realizada nos anos vinte e primeira metade do trinta, como unha referencia do que era a “fotografía artística”. Así a Agrupación Fotográfica Gallega nombrarao presidente da súa sección de Santiago e rendiralle unha homenaxe no ano 1961.

No ano 1936, coa sublevación fascista verase interrumpida a rica e interesante actividade editorial emprendida. Tanto “pola situación xeral do comercio, que neste momento non necesita ningún tipo de propaganda para estimular as vendas” (como era o proxecto Estampas) como pola propia situación personal de Ruíz e Casado. O primeiro pasará unha tempada detido e o segundo terá tamén as súas dificultades. “Unha noite un grupo de fascistas chegados de Valladolid pasearonno por todo Vigo pretendendo que delatara onde se escondía o seu amigo Paz Andrade, quen tiña dormido algunha noite no seu estudio. Pasei toda unh noite queimando copias e negativos -recorda o seu sobriño Luis- , pois o Capitán Rabioso pretendía identificar a través das fotografías a persoas que participaran en actos de tipo republicano para logo purgalas. Así recordo que estaba obsesionado cunha foto que se publicara na prensa cos cilistas participantes nunha carreira dos xogos populares do 36, e que a trama non lle permitía recoñecer os rostros”. Así mesmo, podemos recordar a noticia publicada en “El Compostelano” no ano 37 na que se daba conta de que a Casado a súa irmá Carmiña e a súa nai se lles impuxera unha multa de quinientas pesetas a cada un “Por concurrir a reunións e ter antecedentes de que nelas se comentaba desfavorabelmente ao Glorioso Movimento”.

A distribución de Estampas baixa espectacularmente, e no ano 40 toparanse cun stock cercano ao millón de cromos sen ser capaces de darlle saída para pagar as débedas coa imprenta Rivadeneyra. No ano 37 Ksado pecha o seu estudio de Vigo e aínda que podemos atopar papel con membrete de Estudios Ksado S.L. con enderezo en A Coruña, en realidade nunca existíu. Casado regresa a Compostela, céntrandose no traballo profesional típico dos demáis estudios e abandonando a actividade anterior. No ano 48 coincidindo co Ano Santo reedita “Estampas compostelanas”, con algunha foto nova e sustituíndo o prólogo de Cabeza de León por outro de Paz Andrade. Edita novamente os selos e christmas usando fundamentalmente fotos do período anterior á Guerra Civil. Seguirá imprimindo en ocogravado coa boa calidade que cacterizara as publicacións anteriores, realizadas neste anos en Heraclio Fournier.

O traballo realizado por Ksado, que era como usualmente se firmaban os traballos do estudio, debe ser considerado como o traballo non só de Luis Casado, senón tamén por todos os que con el traballaron. Os seus sobriños Paco, posteriormente afeccionado á fotografía, Luis e Santos colaboraron con el. Incluso relizaron algunhas das publicadas en Estampas de Galiza de Galicia, como a da dársena da Coruña realizada por Luis ou as vistas de Betanzos e da torre do Reloj de Santiago, que son das máis valoradas e reproducidas, foron realizadas por Santos. Dunha forma moi especial debemos citar a Carmiña “moito do que fixen débollo á miña irmá Carmiña. O labor pacente da miña irmá, foi a colaboración máis eficaz e valiosa que tiven na miña vida profesional”(2).

No estudio Ksado traballaron e aprenderon o oficio diferentes fotógrafos como: Pastor Moscoso, Manolinche, Valín establecido posteriormente en Vigo, Arturo que acabaría instalandose no que fora o estudio de Chicharro, Guitián que tras pasar polo estudio Almeida abriría o seu propìo estudio e Ramón Caamaño establecido posteriormente en Muxía Cee e Corcubión.

A finais da década dos sesenta traspará o estudio a Sandine, sen embargo seguirá reeditando oschristmas aata a súa morte no ano 71, posteriormente no ano 75 Carmiña aínda os voltará a reeditar. A morte desta no ano 1983 podemos considerar o fín 2das actividades do arquivo Ksado.

 

(1)- Entrevista realizada por Xosé Signo en “El Pueblo Gallego” do 25-VII-1961.

(2)- Entrevista realizada por Mezquita e publicada “La Noche” 2-VIII-1961

(3)-“Panorama actual e antecedentes da fotografía galega” Manuel Sendón En “Informe sobre a información”

(4)- Publicidade editada por Ksado

(5)- Ramón Caamaño. Colección Album editada polo Centro de Estudos Fotográficos en 1989.

 

Deixar un comentario