PARELLAS

Por casualidades da vida volvinme reencontrar cos espazos que transitaba cando era un rapaz. O camiño de terra polo que ía ao colexio converteuse nunha avenida, da canteira pola que agatuñábamos só queda o magnífico mural de Leopoldo Nóvoa, o monte de Santa Margarita no que secaban os polbos converteuse nun parque moi frecuentado, e as casas baratas, que o franquismo construíu para os traballadores adictos ao réxime, convertéronse en casas moi cotizadas e valoradas arquitectonicamente. Casas que foron construídas como pareadas e que neste espazo de tempo perderon a simetría inicial.

O título Parellas ten un sentido metafórico. Non só as casas, tamén os obxectos ou mesmamente as persoas que en principio eran semellantes, ou idénticas, co paso do tempo convértense en diferentes. Nestes tempos en que se lle moita importancia ao determinismo xenético, non está demais reparar na influencia das condicións medioambientais que xeran diversidade.

Para darlle as casas o maior protagonismo posíbel, obviouse a presenza de coches, usouse a luz difusa, encadres frontais… de tal xeito que non parecera existir a presenza do fotógrafo, convertendo o non estilo en estilo. Obviamente a serie constitúe  un achegamento dende a arte e non dende o mundo da arquitectura, aínda que poda ter interese para os arquitectos.

É un motivo de satisfacción expoñer nun  espazo que leva o nome de Luis Seoane, pois para min Seoane é un referente moi importarte e comparto con el a relación entre o propio e o universal. Como teño escrito máis dunha vez, sen contemplar o universal non poderemos afondar no propio, mais tamén se non hai sensibilidade para valorar o propio non penso que haxa capacidade de comprender o universal en toda a súa dimensión. En definitiva o propio e o universal son dúas caras da mesma moeda.

TEXTOS

JUAN CREUS

FEDERICO L. SILVESTRE