IMAXES NA PENUMBRA. A FOTOGRAFÍA AFECCIONADA EN GALICIA 81950-65)

RESUMO

Tese de doutoramento lida en 1997 e publicada en 1998 por Edicións Xerais ( ISBN:84-8302-290-7).

Manuel Sendón 

Na década dos cincuenta rexístrase en Galicia un desenvolvemento da fotografía non profesional como nunca existira ata ese momento. Movemento que caracterizado polo feito asociativo deu lugar a unha intensa actividade, centrada fundamentalmente ao redor dos concursos e salóns fotográficos, nas agrupacións fotográficas xurdidas en diferentes cidades galegas, das que cómpre citar dunha forma específica a AFG de Vigo e a SFC da Coruña. Para os seus membros as preocupacións de tipo técnico e formal eran esenciais, considerando que a función da fotografía era a procura da beleza. Interesados nunha visión idealizadora da realidade na que a temática preferida eran xeralmente as escenas costumistas e as paisaxes, prestándolle unha especial atención aos efectos impresionistas de luz. Fotografía que globalmente pode ser definida como pictorialista, se ben é un pictorialismo menos artificioso que o de décadas anteriores e con influencias de concepcións posteriores. A pesar do seu academicismo, a fotografía realizada nas agrupacións nesta década, na maioría dos casos dunha exquisita realización técnica, experimenta co paso do tempo unha gran revalorización adquirindo unha gran capacidade evocadora.

Estúdiase a actividade fotográfica non profesional realizada en Galicia durante a década dos cincuenta, dunha forma particular as publicacións e os concursos e salóns, analizando as consecuencias da dinámica que estes determinan. Análizase, así mesmo as características xerais da fotografía realizada nas agrupacións nos aspectos técnicos, formais, temáticos, e as concepcións estéticas imperantes, investigando a súa vinculación co movemento pictorialista e coa fotografía de estilo documental.

Se ben as concepcións dos fotógrafos afeccionados son xeralmente semellantes, rexístranse importantes diferencias entre a obra dos máis relevantes como Raniero Fernández, Veiga Roel ou Schmidt de las Heras, uns con certa influencia de tipo documental e outros máis próximos ás concepcións pictorialistas tradicionais, chegando incluso no caso de Schmidt a usar procesos pigmentarios como o bromóleo ao igual que os pictorialistas históricos, o que determinou o estudio dunha forma específica da obra e as concepcións dos tres autores citados. Analízanse tamén as diferencias entre a fotografía realizada polos fotógrafos das agrupacións e a serie Emigración de Manuel Ferrol, de moi diferentes características, así como a obra fotográfica do escritor Eduardo Blanco Amor, non vinculado ao mundo das agrupacións.

Considerouse así mesmo de interese contextualizar a actividade fotográfica afeccionada dentro da situación económica, social, política e cultural da época, estudiando a relación entre os cambios que nestes planos teñen lugar co auxe da actividade fotográfica. Investíganse así mesmo as escasas vinculacións entre actividade cultural e artística galega coa fotográfica.

De cara a situar o panorama galego no contexto fotográfico internacional, dáse previamente unha visión global da fotografía no plano internacional e analízase máis de vagar The Family of Man e Subjektive Fotografie por seren as dúas referencias que coñecían, estudiando a súa difusión e repercusión.

A fotografía afeccionada española, igualmente dominada pola dinámica asociativa, rexistra nesta década contestacións ao que significaba esa concepción, integrándose os críticos no grupo AFAL de Almería. Un dos seus membros máis significativos, Ricard Terré, ten vinculación cos afeccionados galegos dende o comenzo da década, colaborando coa AFG e pasando a residir en Vigo no ano 1959. Preocupado polas posibilidades expresivas e comunicativas da fotografía e cun posicionamento claramente humanista, realiza unha fotografía moi distante da imperante nas agrupacións. O que determinou que tras unha breve análise do grupo AFAL realizase un estudio diacrónico da súa obra, centrándose nas características formais, no seu carácter humanista e nas concepcións en que se sustentaba, facendo unha análise comparativa coas imperantes nas agrupacións. Estudíase así mesmo a obra non documental de Terré e investígase a repercusión de Terré no panorama da fotografía español e a súa difusión no plano internacional analízando as relacións da súa obra coas que hoxe resultan ser as referencias internacionais dos movementos innovadores da época. Dunha forma especial considérase a súa actividade vinculada coa AFG, as reaccións e repercusións que a súa obra e AFAL teñen dentro dos afeccionados galegos.

Nos anos sesenta prodúcense cambios na fotografía realizada nas agrupacións, debido á influencia dos denominados salóns de fotografía moderna, ao grupo AFAL,ás transformacións da propia sociedade e dunha forma especifica ao cine neorrealista. Se ben os cambios afectan máis á temática e aos aspectos formais que á propia concepción da fotografía. Estúdianse a dinámica e as características da fotografía afeccionada no período 60-65 dunha forma comparativa coa da década anterior, e analízase a importancia que o cine adquire dentro das agrupacións, a través dos concursos de cine amateur e a constitución dos cine-clubes paralelamente ás agrupacións, situación que leva a que a actividade relacionada co cine substitúa en gran medida a intensa actividade fotográfica das agrupacións. Constátase que mediada a década dos sesenta, déixanse de convocar os concursos máis importantes e os fotógrafos máis relevantes anteriormente citados abandonan a actividade fotográfica, podendo considerarse a fin dun período onde as concepcións fotográficas tiveron unhas características moi peculiares. 

Deixar un comentario