UNHA FALTA DE RESPECTO AO ARQUIVO PACHECO.

Publicado en La Voz de Galicia el 24/05/2014

pacheco-voz-24-05-14.jpg

No ano 2013, cando lemos na prensa as declaracións do alcalde de Vigo nas que informaba de que se dispuña a rematar as obras do que veñen de presentar agora como Centro de Arte Fotográfica, publicamos un artigo no que expresabamos a nosa satisfacción porque houbese intención de rematar o proxecto. Ao mesmo tempo aclarabamos que non coñeciamos a súa estrutura e que nin sequera sabiamos se fora realizado de acordo cun proxecto museístico previo. Manifestabamos, tamén, que nos chamaba a atención que non se contase coa nosa opinión en ningún momento de todo este proceso, tendo en conta que, como se declaraba publicamente, esta institución albergaría os fondos fotográficos que o Concello de Vigo posúe como resultado da Fotobienal de Vigo da que nós fomos comisarios.

Rematabamos dicindo “Agardamos que o proxecto da Casa Galega da Fotografía non se limite a rematar as obras para inauguralo antes das eleccións”.

Por desgraza, as nosas sospeitas cumpríronse. Acaba de inaugurarse unha sala do Centro de Arte Fotográfica cunha exposición máis dedicada ao Arquivo Pacheco.

Unha exposición é algo serio e ten que haber un responsábel, a día de hoxe resulta inadmisíbel a inexistencia dun comisario. A exposición do Arquivo Pacheco preséntase sen comisario e as fotografías sen ser sequera retocadas. No estudio Pacheco, ao longo de toda a súa historia, había unha persoa que se dedicaba unicamente a retocar. Cómpre lembrar que, cando entregaban varias probas para que o cliente escollese unha, enriba delas estampábanlle un cuño co texto “Proba sen retocar”. Hoxe coa dixitalización das placas isto é moito máis doado e rápido de facer. A falta de rigor só é comparábel coa desidia. Este proceder, determinado por un oportunismo electoralista, amosa unha total falta de respecto polo Arquivo Pacheco, un arquivo de gran valor que mostra, como ningún outro, a historia da nosa cidade. Se este é o comezo que podemos agardar no futuro deste centro?

O nome Centro de Arte Fotográfica fainos lembrar a revista Arte Fotográfica que se editaba no franquismo e que foi contestada claramente polos fotógrafos da AFAL na década dos cincuenta. Daquela a fotografía non era considerada como un medio para a creación artística. Hoxe non só o é, senón que podemos dicir que a arte volveuse en certa medida fotográfica, polo que se naquel momento os fotógrafos máis rompedores consideraban que o nome “arte fotográfica” era petulante, que pensar hoxe? Ou mellor dito, a que concepción responde este centro que veñen de inaugurar?

Só se pode ver unha sala do centro, polo que non sabemos como será o resto, mais esta sala é inadecuada para exposicións: dúas das paredes teñen grandes fiestras, outra columnas, un chan que non é neutro, sen sistema de iluminación… Para a primeira exposición xa resulta inadecuada e teñen que acudir a unha montaxe con paneis, dos cales é mellor non falar. Por desgraza, parece que nisto tamén se cumpriron as nosas sospeitas de que non había proxecto museístico, e se alguén o fixo, non se sabe quen, cubriuse de gloria.

A ver que nos depara o futuro.

Manuel Sendón

Xosé Luis Suárez Canal

Deixar un comentario