A FOTOGRAFÍA EN GALICIA. UN MEDIO PARA A CREACIÓN ARTÍSTICA

No último outono cumpríronse 30 anos do inicio da Fotobienal de Vigo. Dende aquel momento o panorama da fotografía en Galiza cambiou radicalmente. Nas dúas últimas décadas do século pasado, a fotografía pasou de ser considerada unha actividade competitiva ligada a concursos, sen unha dimensión cultural, a ser recoñecida como un medio para a creación artística. Por primeira vez fomos partícipes do que estaba a suceder na fotografía universal. A través das diferentes fotobienais, nos anos 80 e 90, chegaron a Vigo fotógrafos como Kline, Eggleston, Christemberry, Sekula, Graham, Goldin, ou Parr (por citar só sete) que tardarían anos en seren expostos como novidade noutros lugares do Estado español[1].

Aínda que noutros países a fotografía gozaba de maior consideración, a situación distaba moito da actual, incluso en USA onde tiña máis relevancia, e isto permitía que un proxecto con personalidade puidese contar cos fotógrafos máis relevantes do panorama mundial, a pesar de dispor dun orzamento modesto.

Historicamente o campo da fotografía estaba dividido en dous mundos: o profesional, que pivotaba entorno a encargos comerciais, e o afeccionado, que o facía en torno aos salóns e concursos. En ningún deles existía unha preocupación sería pola reflexión teórica sobre o medio fotográfico. Até o ano 1980 as publicacións teóricas sobre o medio eran moi contadas, inda que non podemos esquecer as de Benjamin, Bazin, Freund ou Sontag. No referente aos estudos históricos sucedeu o mesmo, debendo lembrar a Newhall e Gernsheim. No contexto galego non hai moito máis que citar que o extraordinario texto sobre a fotografía popular publicado por Maside en 1951 e outro breve, máis certeiro, sobre a fotografía dos afeccionados de Luís Seoane: curiosamente dous pintores. A partir de 1980 a situación mudou e en todas as partes e se publica cada vez máis máis, as cousas en Galiza tamén cambiaron e realízanse estudos que en ocasións deron lugar a teses de doutoramento. Cómpre sinalar que gran parte das publicacións son sobre fotografía histórica.

Até os anos oitenta do século pasado, a fotografía histórica non era valorada, nin sequera se reparaba na súa existencia. A I Fotobienal constituíu unha chamada de atención sobre que había unha historia fotográfica que debía ser recuperada, estudada e difundida. Posteriormente comezou a recuperación, exhibición e publicación de diferentes arquivos fotográficos. No ano 1986 o Centro de Estudos Fotográficos publica Emigración de M. Ferrol, e en 1989 inicia a Colección Álbum na que se publicaron monografías de Caamaño, Virxilio Vieitez, J. Suárez, Pacheco, Ksado. L. Rueda, R. Fernández e Massó. Na década dos noventa o CGAI edita monografías de Veiga Roel, Smith de las Heras e R. M. Andersen e, posteriormente, de Alberto Martí e Dionisio Tasende, e algunhas entidades locais dan a coñecer fotografías das súas contornas. A percepción social da fotografía histórica foi mudando até ser asumida, de xeito xeneralizado, como a memoria visual colectiva.

Neste século a situación variou substancialmente, até o punto de que podemos dicir que a arte se volveu fotográfica. As dimensións das fotografías desmandáronse, co que os transportes se encareceron notabelmente, as edicións das copias restrinxíronse: remataron os tempos en que se recibían as obras nun tubo para logo seren montadas en passepartouts reciclados. O tempo dos festivais fotográficos pasou e xurdiron, paralelamente á burbulla inmobiliaria, centros de arte contemporánea en todos lados: Galiza non foi unha excepción. Máis estes cambios non deberían implicar o abandono de todo tipo de iniciativas especificamente fotográficas, como a creación de institucións dedicadas á fotografía, paralelas ás institución de arte contemporánea.

En 1999 o Centro de Estudos Fotográficos propúxolle ao Concello de Vigo a creación da Casa Galega da Foto, similar aos centros fotográficos que existen en París, Londres ou Porto, por citar tres exemplos. O proxecto, que daquela foi recibido con entusiasmo, pasou a ser esquecido co cambio de responsábel político. Dez anos despois construíron un edificio que leva catro abandonado, e agora, que entramos en período electoral, anuncian a intención de finalizar a obra. Que casualidade. Porén nunca fixeron público o proxecto, o que xa resulta unha práctica habitual na creación de centros de arte. Declararon que albergaría a colección fotográfica que o concello posúe como consecuencia das adquisicións das diferentes fotobienais, mais en ningún momento se puxeron en contacto cos cos comisarios que crearon a colección.

O estalido da burbulla fixo que os orzamentos dedicados a cultura devecesen considerabelmente, cando non desapareceron, o que unido á desidia dos responsábeis levou á situación actual. Pecharon espazos e os que non o fixeron restrinxiron notabelmente as súas programacións, tanto en cantidade como en calidade.  

A reivindicación necesaria dunha dotación adecuada para cultura, penso que debe de ir acompañada dunha análise das políticas e dinámicas que se levaron adiante nas últimas décadas, e estabelecer novas estratexias baseadas noutros criterios. Acabaron as tiraxes xeneralizadas de grandes dimensións montadas en Dubond e encapsuladas en metacrilato, así como os voluminosos catálogos, nalgúns casos innecesarios, das últimas décadas.

Uns orzamentos mínimos, que nestes momentos non existen, son imprescindíbeis, máis tamén cómpre lembrar que o diñeiro non o é todo, e o decisivo que é definir un proxecto con sentido e realizalo con rigor.

Gustaríame rematar con tres propostas concretas:

Seguir coa recuperación da fotografía histórica galega, que estes últimos anos sufriu un serio parón.

Realizar proxectos baseados na produción, máis que na recepción. Vigovisións é un exemplo de que hai algo máis importante que o diñeiro.

Estabelecer concursos públicos dirixidos aos fotógrafos para que presenten proxectos de traballos para realizar, e financialos e difundilos posteriormente. Algo similar ao que acontece no sector audiovisual e do que hai experiencias tamén no caso da fotografía.

A resposta de que non hai fondos non se sostén. Non hai máis que pensar na cantidade de proxectos que se poderían levar adiante cun orzamento como o empregado na exposición On the road.

 

[1]           Pódense ver: Vigovisións, 2002 (https://manuelsendon.wordpress.com/vigovisions-historia-dun-proxecto/) e O Feito Fotográfico. Colección fotográfica do Concello de Vigo 1984-2000, 2003 (https://manuelsendon.wordpress.com/o-feito-fotografico-vigo-1984-2000/), catálogos das exposicións que comisariei con Xosé Luis Suárez Canal no MARCO de Vigo. Tamén pode consultarse o meu texto Concursos e festivais, 2014 (https://manuelsendon.wordpress.com/vigovisions-historia-dun-proxecto/)