2013. Diamante Virxilio

Virxilio Faro 18-04-13

O arquivo de Virxilio é un diamante en bruto, polo que hai que pór moito tino en como se talla ou corremos o risco de estragalo.

FARO DA CULTURA 18/04/2013

Como aquelas dos fotógrafos rurais, as imaxes de Virxilio Vieitez -que se poden contemplar, deica ao 19 de maio, na exposición organizada polo Espacio Fundación Telefónica (Madrid)- caracterízanse pola frontalidade, verticalidade, rixidez, mirada directa, ausencia de movemento… Non obstante, estas súas teñen maxia e, máis aló do valor documental, amosan un extraordinario interese dende un punto de vista estético. O tradicional papel do pano de fondo faillo cumprir Virxilio á natureza, aos “haigas” ou á estrada, dando lugar a escenificacións, tan vivas como inauditas, nas que controla ata os máis mínimos detalles. Non hai nada nelas que resulte accidental.

O acto fotográfico era un acto solemne e, no seu caso, chama a atención como relaciona a situación extraordinaria que determina a foto coa vida cotiá da sociedade labrega. Así vemos nenas de primeira comuñón ou señoras vestidas de voda entre as verzas. Esta insólita convivencia non resulta para nada grotesca e si moi rica en significados; non hai a máis mínima intención de ridiculizar, tan frecuente hoxe nas fotos do mundo rural galego, nin tampouco pintoresquismo. Virxilio non retrata “personaxes típicas”, retrata xentes con dignidade, unha das características máis relevantes das súas fotografías.

Realizou un gran número de fotos de carné das que algunhas transcenden totalmente a súa función: son imaxes vivas, nas que o retratado nos devolve a mirada, auténticos retratos. Isto non sucede con todas e, como en todo arquivo, hai imaxes anódinas, como se puido ver na exposición que se presentou no MARCO.

Cando en 1998 Xosé Luis Suárez e mais eu presentamos na Fotobienal a exposición de Virxilio, centrámonos no período 1955-1965, por considerar que era o máis interesante, e dunha forma particular nas imaxes realizadas coa cámara Rollei (1958- 1960). A medida que transcorren os sesenta, a sociedade vai cambiando:a auga corrente chega a Soutelo en 1964; os “haigas” americanos son substituídos polos; Mercedes; no Changüi, a forma tradicional de baile agarrado vese acompañada do twist… E tamén chega á comarca a cámara Polaroid da man dalgún emigrante. Estes cambios reflíctense na forma de entender o acto fotográfico, as do baile solto son un bo exemplo diso. Así, vemos imaxes agora onde o hieratismo dá paso a unha actitude distendida, aparece o movemento e a mirada seria e directa transfórmase en sorrisos e expresións festivas. Esvae a autoridade do fotógrafo, non hai xa aquela coidada e insólita construción; o accidental está presente. Trátase de valiosos documentos, pero carecen da maxia das imaxes anteriores, obviamente por elas non tería pasado a historia.Non obstante, compre pór de manifesto que neste período tamén realiza imaxes de grande interese.

Ao analizar as fotografías de Virxilio, cómpre diferenciar aquelas que o definen doutras accidentais ou anecdóticas. Así, a da familia en moto, tan difundida ultimamente, para alén do seu gran valor documental, non é produto da escenificación que caracteriza aqueloutras máis singulares e, incluso, accidentalmente aparece na parte esquerda un surtidor de gasolina fragmentado, que actúa como un verdadeiro ruído. Outros moitos autores fixeron imaxes similares a esta. Non ten a maxia das outras; é unha fotografía neorrealista, e Virxilio non ten nada que ver co neorrealismo.

Nas fotografías a cor, que estudamos en 1999-2000, obsérvase que, sen abandonar a toma no exterior, a natureza tende a ser substituída polos interiores. A luz natural polo flash. As verzas e animais domésticos por peluches, regalos de bazar ou billetes. O “haiga” polo aparador cheo de botellas de licor. Abundan imaxes de noivas no interior, moi diferentes desoutras en branco e negro, volvéndose nalgúns casos sofisticadas. É máis, moitas delas non inspiran a mesma dignidade que as do primeiro período e, en xeral, non teñen o mesmo interese, pero si hai algunhas que dialogan perfectamente co traballo da primeira época e que deben de ser consideradas, pero sen perder de vista o que é esencial.

……………………………………………

Criterios expositivos

Moitas das imaxes de Virxilio lémbranos a esoutras de Sander, Strand, Evans, Avedon e outros clásicos que el descoñecía. Eles si tiñan referencias, porén; a fotografía, no seu caso, viña ser un medio mediante o cal, e a partir da escolma dunhas imaxes, estabelecían unha proposta. Eran autores no sentido que a palabra ten na modernidade. Así Sander, o que resulta máis semellante a Virxilio, en O rostro do noso tempo estabelece a súa visión da sociedade alemá baseándose na escolla dunha serie de fotos, unhas produto dun encargo e outras realizadas ex-profeso. O caso de Virxilio é diferente: el fotografía sen outra pretensión que resolver un encargo; as súas imaxes pertencen a outro espazo discursivo, o que non quere dicir que non teña unha personalidade singular moi marcada. O noso fotógrafo non formulou nunca facer unha proposta con base nunha escolma de imaxes; semellante papel correspóndelle ao comisario da mostra. O criterio que seguimos X.L. Suárez e mais eu en 1998 son moi distintos dos seguidos nesta última exposición madrileña: tanto no que se refire ás fotos escolmadas (diferenza entre as relevantes e anecdóticas) como ao número (excesivo), ás dimensións (sobredimensión), aos enmarcados (marcos de cores na de Vigo) e aínda á posta en espazo (o bosque de columnas da de Madrid).

En definitiva o arquivo de Virxilio é un diamante en bruto, polo que hai que pór moito tino en como se talla ou corremos o risco de estragalo.

Manuel  Sendón.

Deixar un comentario