RAMÓN CAAMAÑO

Texto do libro Álbum Ramón Caamaño. ISBN: 84-404-5693-X publicado polo Centro de  Estudos Fotográficos en  1994. Libro co que se inicia a colección ÁLBUM

Manuel Sendón 

Xosé Luis Suárez Canal

Fóra da igrexa outra vez, veu onda nós, sen folgos, un rapaz de catorce anos, un entusiasta fotógrafo con desexo de conversa cun colega. Unha cousa levou á outra e, ao pouco tempo xa estabamos indo con el á súa casa. A súa nai, dixo, era unha patroa das palilleiras. Daba o fío e recibía os encaixes terminados e mandábaos por barco ao pai do rapaz, que estaba en Cuba, para vendelos. A súa casa era unha casa pequena, con corte e adega abaixo e arriba as habitacións ás que se chegaba por unha escaleira exterior. Súa nai recibiunos con moita amabilidade e deixounos mirar os encaixes amontoados na mesa da sala todo o tempo que quixemos”. Este mozo, ao que se refire Ruth Matilde Anderson1 no seu libro escrito despois da súa viaxe a Galiza no ano 1924, seguirá hoxe, 65 anos despois, cando as condicións climatolóxicas o permiten, no mesmo lugar e coas mesmas ganas de falar. Falaranos do mar, das pedras e dos solpores na Barca, dos innumerábeis naufraxios acontecidos nesta zona, da súa vida ou de como hai que facer para mover a “Pedra de abalar”, mostrándonos, ao mesmo tempo, as postais e publicacións que coas súas fotos foi realizando.

Ramón Caamaño Bentín nace no ano 1908 en Muxía, unha pequena vila mariñeira da Costa da Morte. A súa situación económica é diferente á da maioria dos rapaces do lugar, permitíndolle comprar cos seus aforros unha cámara Brownie-Kodak, e empezar a tirar fotografías, en lugar de ter que ir ao mar ou emigrar a Cuba, como sucedía normalmente. lsto levouno a que os carpinteiros non lle quixesen ensinar o oficio, pois ao seu ver, un rico non precisaba ser carpinteiro. A outra profesión que lle pasou pola cabeza foi a de electricista, profesión novidosa daquela para unha vila á que estaba a piques de chegar a luz eléctrica; desta vez foi súa nai quen lle tirou a idea, pois lle parecía perigoso ter que andar subido ás escaleiras reparando os farois.

A primeira relación de Caamaño coa imaxe foi aos 8 anos, cando o seu pai lle mandou desde Cuba unha máquina de cine con algunha película; estas películas eran logo proxectadas por el aos rapaces de Muxía, que pagaban a entrada con alfinetes que logo el lles revendía ás palilleiras. Máis tarde, el mesmo construiría, valéndose dunha lata e da luz de carburo, unha máquina de cine que utiliza para proxectar os anacos de película que, por aquel entón, viñan nos caramelos.

Decide comprar a cámara fotográfica e empezar a tirar fotos co obxecto de fixar o que ve. “Eu comecei a facer fotos porque vin importante a idea de deixar recordos de todo canto vían os meus ollos. Recordo que foi alá polo ano 24. Eu tiña, coma todos os rapaces, un peto de barro onde ía metendo os patacóns de cobre que me daba o meu padriño. Ao ter 20 pesetas deillas a Rivadulla o Vello, que tiña un coche de cabalos co que ía ata A Coruña. El mercoume a primeira cámara, era unha máquina de caixa, de foto fixa, e había que darlle ao botón para arriba e logo para abaixo, e xa saían as fotos sen enfocar nin nada. E comecei a facer fotos aquel ano polas festas da Barca, pero como eu non sabía, saíronme as fotos montadas e, de seis carretes, só saquei catro fotos ben2.

Empeza a facer fotos, tendo como única referencia fotográfica os retratos da xente de Muxía realizados por Romero, fotógrafo de Corcubión, e o trato, na feira de Baio, con Vidal, fotógrafo de Laxe que acudía con regularidade a esta feira a retratar a todos aqueles que o solicitasen. Este fotógrafo realizou innumerábeis fotografías desta comarca, sendo o seu arquivo e o de Caamaño os dous máis importantes que se conservan da Costa da Morte.

Na feira da Ponte do Porto coñece ao fotógrafo “do minuto” Benito González e ao seu fillo pequeno Manuel González Carrera, máis tarde establecido no mesmo lugar, e co que Caamaño entablará amizade.

En Serantes estaba establecido por aquel entón Currás, a quen posteriormente se lle queimarán o arquivo e o estudio, pero non terá relación con el a pesar de vivir a tan só catro quilómetros da súa casa, como tampouco a terá con Lastres, un afeccionado rico que vivía en Muxía.

Posteriormente establécense na comarca diversos fotógrafos como García, que despois de exercer como “do minuto”, abrirá un estudio en Cee, que aínda existe, dirixido polo seu fillo; Muñoz instálase en Fisterra, onde xa antes traballara Cuadra; Foto Leica en Vimianzo.

A aprendizaxe do oficio facíase normalmente traballando de aprendiz doutro fotógrafo, ata independizarse e converterse nun fotógrafo con estudio propio. Sen embargo, este non foi o proceso que seguiu Caamaño. El empezou só, e como todo autodidacta tivo uns comezos difíciles. Aprendía a través de libros e folletos que traía de Casa Villar da Coruña, onde compraba os químicos; ou de Casa Blanco, tamén da Coruña, onde mercaba as películas e papeis; e das preguntas e dúbidas que o seu amigo Vidal, de Laxe, lle ía resolvendo. (Aínda garda algunha foto fallida do seu primeiro carrete). No ano 26 empeza a mandar as súas fotos aos concursos Kodak, obtendo desde o primeiro ano varios diplomas e premios.

Desde o ano 25 empeza a fotografar todo canto lle chama a atención. Todo o relacionado co mundo do mar: ambientes mariñeiros, traballo coas redes, secado de congros, procesións marítimas… Imaxes que hoxe teñen un grande interese porque describen traballos e obxectos totalmente desaparecidos, como os diversos tipos de barcos de vela dedicados uns á pesca e outros á carga, ou ao transporte do sal. Outros traballos, como o secado do congro, seguen existindo pero en menor medida. Se ben dedicou unha grande atención ao traballo relacionado co mar, que era a primeira fonte de ingresos da vila, non deixará de rexistrar o traballo do campo, fotografando escenas hoxe desaparecidas, como a malla ou as corozas que se usaban para protexerse do mal tempo no campo. Calquera tipo de actividade laboral queda reflectida no seu arquivo: carpinteiros, toneleiros, a construción do faro, feiras, e dunha forma especial o traballo das palilleiras que pola noite se facía á luz do carburo e daba lugar ás palilladas, que eran un lugar de encontro despois do traballo. As manifestacións sociais: procesións e peregrinacións (a Barca é un importante punto de peregrinación), os xigantes das festas, tertulias no casino (desaparecido anos despois pola súa filiación republicana)… Nestes anos dedícase intensamente á fotografía: romarías, festas ou calquera acontecemento do seu interese, serán focados pola súa cámara.

Cando as condicións de luz o esixían usaba o flash de magnesio e, aínda recorda hoxe que tivo que estar dous meses coa man vendada, debido a unha queimadura producida polo exceso de magnesio ao fotografar os coches de Guillén. Vendía as súas fotos de tamaño 4 x 6 ao prezo de 1 peseta. O seu interese polo cine lévao a comprar, no ano 27, a máquina Pathe Baby para proxectar cine por todas as vilas e aldeas do partido xudicial de Corcubión, convertendo en salas de cine, bares, garaxes, prazas do peixe… Polo día tiraba fotografías e pola noite pasaba películas como Miguel Strogoff, O sitio de Tolón, Unha misión estraña… películas mudas que el ía explicando. O novidoso realismo do cine producía, ás veces, reaccións como a dun espectador dunha película de Charlot que, querendo participar na escena, rompeu dun botellazo a saba que facía de pantalla.

Decatándose a súa nai de que unha afección de neno se ía convertendo na súa profesión, decidiu levalo a Santiago para que puidese perfeccionar a súa técnica e aprender cousas novas. Deste xeito, pasa en Compostela os invernos dos anos 29, 30 e 31 onde traballa co fotógrafo santiagués Ksado e coa súa irmá Carmiña, aprendendo, entre outras cousas, a retocar e a virar parcialmente a sepia as caras dos retratos. Polas noites asistía a clases de debuxo na escola de Artes e Oficios.

Posteriormente comezará a ofrecerlles aos seus clientes “especialidade en nenos, obtidos con bo material e presentados finamente en varias cores”, establecendo a tarifa de 7,25 pts. por tres fotos tamaño postal fronte ao peso que costaban en branco e negro.

As fotografías que tira nos anos trinta presentan, coas dos anos vinte, unha completa descrición da vida dunha vila mariñeira nesa época, quedando reflectidas todo tipo de actividades laborais, desde o traballo manual, antes descrito, ata o traballo no comercio, no banco ou na oficina do notario. Desde os nenos na escola ata as mulleres aprendendo a coser coas máquinas Singer. Desde os gaiteiros, festas, romarías, bandas, comparsas, teatro, equipos de fútbol… ata os velorios, todos os rituais que acompañan á morte nunha cultura rural como a galega están tamén reflectidos. Así, podemos lembrar a súa publicidade: “Ampliacións tipo cine, portátiles e luxosos cadros a todo retoque, propios para familiares ou falecidos” ou “Medallóns foto esmalte e niquelados, propios para colocar enriba de mobles ou para o cemiterio”. Podemos dicir que a súa obra é un exhaustivo retrato colectivo dun pobo. Cómpre considerar moitas fotografías deste tempo como o reflexo dese lugar e desa época, aínda sen el sabelo nin pretendelo. Referímonos, entre outras, a todas as fotografías de estudio realizadas na súa horta colocando o telón baixo, cando o vento llo permitía, e usando como iluminación unicamente a luz natural. Desde o ano 26 ao 32 contou só cun toldo liso que lle comprara a Romero-, no 32 merca en Barcelona un con debuxo.

Como consecuencia da súa estadía dun mes no ano 32 no Porto do Son, onde coñece a Teresa Louro que logo será a súa muller, realiza unha interesante reportaxe desta vila e arredores, como o castro de Baroña, posteriormente publicada por Pablo Díaz nunha colección de postais. Nas paisaxes desta colección chaman a atención as diminutas figuras humanas colocadas no horizonte, que nos recordan aos primeiros fotógrafos viaxeiros do século XIX.

Durante estes anos percorre periodicamente cada unha das vilas e aldeas da comarca, permanecendo 2 ou 3 días en cada unha delas. No ano 35 un comerciante de Fisterra chamado Garachula préstale unha habitación no primeiro piso da casa do seu comercio, e alí instala un estudio, unicamente con luz natural, que atende periodicamente.

No ano 37, xa casado con Teresa Louro, cambia o seu domicilio para a vila de Cee, máis grande que a de Muxía, co obxectivo de poder manter mellor a súa familia. Neste novo estudio xa conta con focos de luz artificial.

En 1938 é mobilizado e participa na Guerra Civil na fronte de Aragón, o que motiva que a súa muller se faga cargo do estudio. Posteriormente Teresa abre co nome de “Foto Chiquitina”, un novo estudio en Carnota.

Durante os anos da posguerra segue realizando fotografías en toda a comarca, aínda que centrado fundamentalmente no traballo de estudio. Nestes anos vende as películas de cine, como ben lembra, para mercar un traxe, así como tamén moitos dos seus negativos de xelatina aos fabricantes de carteiras de Ubrique, que os usan despois de facer desaparecer a emulsión.

No ano 62 traslada o seu domicilio a Corcubión, e hoxe, xa xubilado, viaxa, sempre que pode, a Muxía, onde aínda conserva a súa casa.

Durante a súa longa carreira profesional, as súas fotos aparecen reproducidas en diversos xornais e revistas como ABC, Ahora, Céltiga, La Voz de Galicia, El ideal gallego, La noche, da que foi correspondente en Corcubión, España y América, Finisterre, Stampa, Vida Gallega, Hijos de Mugía e Alborada, estas dúas últimas de Buenos Aires. En moitos casos, como era usual na época, as súas fotos saen sen sinatura. A colaboración en Alborada, revista da asociación de veciños do partido xudicial de Corcubión en Buenos Aires, interrómpese co alzamento fascista do 36. Tamén publica álbumes de postais, reproducidas en ocogravado, de Fisterra, Cee, Muxía, Porto do Son e Corcubión, que contiñan cada un deles entre 12 e 15 postais.

A súa identificación con Muxía lévao a publicar no ano 82, sendo ademais o editor, o libro Muxía – Guía Turística, utilizando as súas fotos e toda canta poesía ou artigo atopa que teña relación coa súa vila, libro que el mesmo venderá ao da Barca. Muxía e a fotografía van ser as dúas paixóns de Caamaño, ata tal punto que ambas aparecen no epitafio que el mesmo escribiu hai tempo: Ramón Caamaño, fotógrafo muxián.

No que se refire á fotografía, sorprende que vivindo nunha pequena vila do medio rural, afastada de calquera cidade, e sen contacto directo coa fotografía, decidise dedicarse a ela; como tamén causa sorpresa que conserve ata hoxe non só os libros por onde estudiou ou as revistas onde publicou as súas fotos, senón tamén todos os carteis e pasquíns que elaborou para facer publicidade das proxeccións de cine, as tarifas de prezos, as facturas de todas as máquinas que foi adquirindo, catálogos de propaganda de produtos fotográficos, correspondencia, as máquinas de cine (incluso a que lle mandou o pai no ano 16), a ampliadora de luz solar que comprou cando estaba empezando ou a gran cantidade de copias de época. Esta obsesión por gardar absolutamente todo tipo de recordo é a mesma que nos seus anos mozos lle fixo empezar a fixar tamén “recordos” a través da fotografía.

Hoxe aos 81 anos, cando non está na Barca, está mirando, ordenando e clasificando as fotos. Nas paredes da súa casa de Corcubión ten colgadas varios miles, sendo para el un gran pracer explicarlle a calquera persoa cómo ou cándo fixo algunha, porque “lembrar é vivir”.

Na actualidade, o seu arquivo está formado por unhas 6.000 copias fotográficas de época, a inmensa maioria de tamaño 8’5 x 13’5 cm ou 4 x 6 cm. No que se refire aos negativos, é dificil precisar o seu número, el sitúao nuns 20.000. Moitos destes negativos deberían ser positivados e estudiados, coa certeza de que teriamos moitas interesantes imaxes que engadir ás deste libro.

Á hora de analizar a obra fotográfica de Caamaño e situala dentro da fotografía histórica galega, e en particular en relación á fotografía histórica exhibida e publicada nestes últimos anos, debemos facer referencia ao feito de que Ramón Caamaño é un fotógrafo rural, un fotógrafo que vive toda a súa vida en diferentes vilas da Costa da Morte pero, agás os invernos que de mozo estivo en Santiago, nunca na cidade. E, a pesar de que na sociedade galega sexa difícil trazar a fronteira entre o mundo rural e o mundo urbano, o que si podemos observar é que o tipo de fotografía realizado por Caamaño é diferente ao realizado polos fotógrafos que vivían nas cidades. Referímonos fundamentalmente aos anos 20 e 30, onde Caamaño realizou moitas fotos porque lle interesaban, sen responder a ningún tipo de encargo. É certo que algúns destes fotógrafos tiñan realizado interesantes reportaxes da vida e o traballo no mundo rural, pero son traballos puntuais e non un traballo diario no que aparezan todas e cada unha das manifestacións cotiás ao longo do ano.

O seu traballo de estudio nos anos 20 e 30 ten unha serie de características que o definen:

-A sinxeleza de medios (un único telón e aínda liso nos comezos, uso exclusivo da luz natural, chan terreño como se verá nalgunhas fotos) determina unha estética austera baseada unicamente na forza expresiva do retrato. A ausencia de sofisticación, nun momento en que nos estudos urbanos están de moda os obxectivos de foco suave a os ambientes etéreos, é total.

-A procedencia social dos retratados. Son mariñeiros e labregos, fundamentalmente, os que acoden a Caamaño para retratarse, coa particularidade de que este retrato se fai sen saíren do seu ambiente, o que evita que o fotógrafo caia no “pintoresquismo”. Sen dúbida, en Muxía non existía a burguesía que habitualmente se retrataba nos estudos de cidade. As diversas situacións sociais non só determinan diferentes aparencias físicas como pode ser a vestimenta, senón tamén actitudes distintas diante da cámara que configuran estéticas diferentes. Hai anos, Carlos Maside escribía: “Verticalidade, frontalidade, simetría, conxuntánse en perfecta coherencia e imprímenlle o seu carácter hierático. Pero non só o escorzo: o ademán, o aceno están suprimidos; toda actitude naturalista, toda sensación de movemento, de instante, de tempo, foron eliminados. A mirada, fixa e frontal; a boca, pechada, muda. lnmobilidade e silencio súmanse a aqueles caracteres, e destacan a súa forza. O seu vigor e coherencia descartaron toda frivolidade, toda anecdótico ou pueril actitude que contradiga o seu austero realismo. Unha atmosfera de rito, de misterio, emana destes retratos. Así gustan estas xentes sinxelas ver plasmada a súa imaxe; así gardar a estampa da nenez pasada, a xuventude perdida; así legala aos seus, subtraela á morte. Só un espírito frívolo pode encontrar ridículas estas figuras serias, hieráticas, cheas de vida tensa…3.

Fronte a esta estética ‘hierática’ da fotografía popular, podemos falar dunha estética burguesa, onde a cámara non impón o mesmo respecto. As bocas ábrense e mesmo esbozan sorrisos, non é necesario que os ollos fiten á cámara, os brazos pódense separar do corpo e perden estatismo pero, a pesar de que se poida pensar que as figuras son máis libres e espontáneas non sempre é así, senón que as regras son diferentes e esa pretendida naturalidade, en moitos casos, transfórmase nunha gran sofisticación. A función que vai cumprir a foto é outro factor a ter en conta. Así, os membros da burguesía poden acudir a un estudio por moitos motivos, sen embargo cando un mariñeiro ou labrego acudía á casa de Caamaño era, fundamentalmente, para enviarlles esa foto aos seus parentes de Buenos Aires ou Cuba. lsto, e non só a diferencia de poder económico, determina o pequeno formato usado nos retratos (na súa meirande parte 13’5 x 8’5 cm). Pódense considerar tamén traballo de estudio as innumerábeis fotografías de nenos mortos, a pesar de non ser necesariamente realizadas na casa do fotógrafo.

Ao ollar as fotografías de Ramón Caamaño non pasan desapercibidas a cantidade de fotos nas que aparece el mesmo, non só o gran número de autorretratos que realiza, senón tamén as moitas fotografías de grupo nas que se inclúe, colocando sobre o trípode a cámara co disparador automático.

A mellor forma de dicir que se estivo nun sitio é unha fotografía”.

1Gallegan Provinces of Spain. PONTEVEDRA AND LA CORUÑA. Publicado pola Hispanic Society of America. 1939.

2Entrevista M. Villar.

3MASIDE, Carlos: “En torno a la fotografía popular” en Grial II,Vigo, 1951.

Deixar un comentario