A Fotobienal de Vigo e o Centro de Estudos Fotográficos

Publicado na revista Grial (nº220). Outubro,novembro, decembro de 2018

Lin no xornal que o presidente do Ateneo de Vigo, o fotógrafo Anxo Cabada, consideraba a posibilidade de retomar a Fotobienal. Reconforta que se lembren dela, mais a Fotobienal xorde nunhas coordenadas moi diferentes das actuais, polo que creo que hoxe non tería sentido intentar recuperala dado que as circunstancias son ben distintas. A Fotobienal é historia, e a historia hai que tela presente pero non intentala repetir. As conclusións que se poidan tirar do que significou a Fotobienal de Vigo poden ser de utilidade para xerar novos proxectos que rematen co baleiro fotográfico institucional que se produciu dende que deixou de existir no ano 2000, e para iso pode ser importante lembrar o que representou en relación co seu contexto temporal.

Nos primeiros anos oitenta cando xorde a Fotobienal (1984), o panorama da fotografía en Galiza era ben diferente do actual, a fotografía non era considerada como un medio para a creación artística, nin sequera se reparaba na súa dimensión cultural. O mundo da arte naquel momento pivota en torno ao movemento Atlántica, no cal non estaba incluído ningún fotógrafo, mais cómpre dicir tamén que non había fotógrafos cunha obra equiparábel a dos artistas que formaban ese movemento.

A programación de exposicións era moi pobre e a infraestrutura de salas de exposición institucionais era moi diferente a de anos posteriores. No que respecta á fotografía: a dinámica das agrupacións fotográficas xa non definía a fotografía non profesional como sucedera décadas atrás, só sobrevivía AFLED de Lugo, que en 1980 se integra na Agrupación Fotocinematográfica Fonmiñá. Dentro da moi escasa presenza de exposicións fotográficas podemos lembrar as galerías fotográficas, ambas de curta existencia, Photo Copy na Coruña (1980-81) e Cuartoscuro (1982-84) en Ferrol, dirixidas por Luis Carré e Manuel Vilariño respectivamente, e o pub O Patacón da Coruña vinculado a Vari Caramés. Cómpre salientar que os tres proxectos están dirixidos por fotógrafos.

Na Coruña, cidade na que se rexistraba a actividade fotográfica máis intensa, un amplo grupo de fotógrafos mozos preséntanse baixo o nome Novos Fotógrafos Coruñeses en dúas mostras en 1982 e 1984, e neste mesmo ano algúns deles refundan a Sociedade Fotográfica da Coruña (SOFOCO) baixo a presidencia de Manuel Vilariño. En Ourense xorde en 1983 o Outono Fotográfico (posteriormente, a partir de 1989, estende a súa actividade a outras poboacións), en Ferrol Foto Ferrol (1983), en Pontevedra Fotovedra (1984)… Todas estas iniciativas foron realizadas á marxe da dinámica dos concursos que dominara a fotografía anteriormente, mais eran locais, incluían só fotógrafos da cidade onde se organiza a exposición. En Vigo non se rexistrara ningunha proposta colectiva similar e só algunha exposición na Casa da Cultura.

Neste contexto xorde a Fotobienal de Vigo, que na primeira edición se propón presentar unha panorámica da fotografía que se estaba a realizar en Galiza, rompendo deste xeito co localismo existente ao que faciamos referencia. O feito de que sucedese en Vigo e non noutra cidade, probabelmente responde ás características da cidade. Podemos lembrar que das agrupacións fotográficas da década do cincuenta só a nada en Vigo, a Agrupación Fotográfica Gallega, facía referencia explícita no nome á súa dimensión galega.

A exposición 26 fotógrafos galegos, programada nesta primeira edición, incluía fotógrafos das diferentes cidades galegas e, se exceptuamos a Ricard Terré, o denominador común eran a mocidade e as ganas de experimentar coa fotografía, sen ter aínda unha personalidade fotográfica definida. Neste aspecto a situación era algo diferente do que pasaba no Estado español, como o fora na década anterior, na que ningún fotógrafo galego estivo relacionado coa revista Nueva Lente. Só había fotografías dunha muller, que falecera había pouco, Marta Filgueira, estudante de belas artes en Barcelona, a única con eses estudos. Esta situación era similar á das outras exposicións citadas, no mundo da arte a situación non era moi diferente da de Atlántica onde unicamente había unha muller.

O outro obxectivo da I Fotobienal era chamar a atención sobre a existencia dunha historia fotográfica que cumpría recuperar, estudar e difundir, dado que daquela nin sequera había conciencia de que existira e os arquivos estaban a ser destruídos ao considerar que carecían de valor. Con esa finalidade organízanse as exposicións Un século de fotografía galega (fotografías de 11 autores) e Crónica dunha cidade (fotografías históricas de Vigo).

No plano internacional, o recoñecemento da fotografía distaba moito do que acadaría poucos anos despois, se ben en países como Francia, Gran Bretaña ou México existían iniciativas moi interesantes, por non citar USA, que ao non ter unha historia pictórica como Europa, a fotografía gozou historicamente dun recoñecemento diferente, aínda que moi distinto do que ten hoxe no mundo da arte.

A década dos oitenta no Estado español caracterizouse polos festivais internacionais de fotografía que tiñan como modelo os Rencontres Internationales de la Photographie (RIP) de Arles, que iniciara a súa andaina en 1970. Xurdiron en diferentes cidades como Valencia, Guadalajara, Madrid ou Barcelona. A maioría non pasaron dun par de edicións, coa excepción da Primavera fotográfica de Catalunya, nada en 1982 con carácter bienal, que durou 20 anos e que tivo unha importante repercusión. A eclosión destes festivais foi debida ao feito de estar a fotografía excluída dos circuítos da arte e á nova situación política. Eran normalmente organizados por fotógrafos e baseábanse fundamentalmente no voluntarismo dos organizadores, que normalmente tiñan outra profesión, e na xenerosidade de colaboradores. As institucións accedían a financialos porque xeralmente non dispuñan de programación propia, os festivais non eran custosos e as exposicións fotográficas atraían, e atraen, moito público debido aos diferentes niveis de lectura que ten a fotografía. Non había centros onde se impartise formación sobre xestión no mundo da arte, nin existían comisarios con traxectoria que puidese ser unha referencia. Estas carencias determinaron que os fotógrafos nos convertésemos en comisarios, historiadores, editores… e os comisarios aprendiamos o oficio dunha forma autodidacta, a partir da experiencia e do coñecemento dos proxectos realizados noutros lugares. Neste sentido hai que subliñar a importancia que tiveron os RIP de Arles como punto de encontro de fotógrafos, comisarios, editores, galeristas…

O proxecto da Fotobienal xorde en Vigo da man de X. L. Suárez Canal, V. Vaqueiro e M. Sendón, mais para acadar unha dimensión galega foron incluídos no grupo organizador dous fotógrafos da Coruña, X. Piñón e M. Vilariño. Esta primeira edición foi patrocinada polo Concello de Vigo e a Xunta de Galicia a partes iguais, ambas as institucións prestáronse a asumir a totalidade do orzamento en solitario, cousa que desbotamos para a súa sorpresa, porque ao estaren gobernadas por distintos partidos era o xeito de asegurar a independencia do poder político, o que era esencial.

Unha vez rematada a I Fotobienal, X. L. Suárez Canal, V. Vaqueiro e M. Sendón constituímos en Vigo o Centro de Estudos Fotográficos (CEF), abandonándoo Vaqueiro pouco despois. O CEF márcase como obxectivos:

– A recuperación, estudo e difusión da fotografía histórica galega.

– A dinamización, dentro das nosas posibilidades, da fotografía contemporánea galega, considerándoa parte da creación cultural galega.

– Facer a Galiza partícipe do debate da fotografía contemporánea universal.

A ruptura do localismo que supuxo a I Fotobienal xerou unha nova dinámica. Así no verán de 1985, no marco da Universidade Menéndez Pelayo da Coruña, SOFOCO organiza, coa colaboración do CEF, Ollares no tempo, cun esquema similar ao da I Fotobienal. A mostra contén 21 Contemporáneos da fotografía galega, comisariada por Antón Bahamonde, e dúas exposicións de fotografía histórica galega: 10 Clásicos da fotografía galega e A Coruña a principio de século, comisariadas ambas por Sendón e Suárez Canal. Está colaboración entre Vigo e A Coruña vaise manter a partir deste momento, colaborando coa revista 40 x 50 xurdida na Coruña en 1985, baixo a dirección de Xosé Abad. O CEF tamén colabora posteriormente coa Mostra fotográfica de Lugo, comisariada por Eduardo Ochoa, e co Outono Fotográfico de Ourense, dirixido por Benito Losada.

Unha vez rematada a I Fotobienal, o concelleiro de cultura de Vigo, Francisco Santomé, proponlle ao CEF dirixir a Sáa dos Peiraos e ao aceptar as dúas condicións que lle formulamos –independencia total na programación e un orzamento de 100.000 pesetas (600 euros) por exposición– a sala inicia a súa andaina en febreiro de 1985, organizando unha exposición mensual até abril de 1991, cun total de 56 exposicións. Coherentemente coa liña proposta polo CEF, presentamos a obra de fotógrafos históricos como Bill Brandt, Álvarez Bravo, Cualladó…; históricos galegos como Manuel Ferrol, Raniero Fernández, Ramón Caamaño…; contemporáneos como Joel Meyerowitz, Sebastião Salgado, Paul Graham, Cristina García Rodero, Joan Fontcuberta, André Gelpke, Max Pam, Bernard Plossu, Arno Fisher, Pierre Radisic, Brian Griffin, Gabriele Basilico…; e gran número de fotógrafos galegos contemporáneos. Ademais todos os anos tiña lugar unha exposición colectiva, denominada Hoxe mesmo, destinada a aqueles que nunca tiveran exposto previamente.

En 1991, buscando unha sala de maiores dimensións, o CEF pasa a programar na Casa das Artes de Vigo unha serie de exposicións colectivas e a primeira monográfica de Ricard Terré. En 1992, cansos da burocracia, abandonamos este proxecto e quedamos só coa organización da Fotobienal.

Na presentación da I Fotobienal facíase explícita a vocación internacional das futuras edicións e así en 1986, na segunda edición, sen abandonar o interese pola fotografía galega, coas primeiras monográficas de Schmidt de las Heras e do Arquivo Pacheco e con Espacios, sección dedicada á fotografía contemporánea galega, o festival adquire unha dimensión internacional coa exposición retrospectiva dun histórico da fotografía universal como William Kline, traballo que non se volverá mostrará no Estado español até 15 anos despois e a mostra, tamén por primeira vez no estado, de Last Resort que Martin Parr viña de presentar ese mesmo ano, o seu primeiro traballo a cor que supuña un cambio na súa traxectoria e que tería unha extraordinaria repercusión posterior. Así mesmo iníciase o proxecto Vigovisións.

Aspirabamos a algo máis que a exposicións nas diferentes salas da cidade e para iso utilizamos tamén o edificio que albergara o Banco de España, que estaba tal como quedara cando pechara o banco. O arquitecto Alfonso Penela deseñou nel un espazo baseándose en deixar muros a medio tirar e empregar madeira dos valados utilizados na construción.

As seguintes edicións seguen a manter as mesmas seccións:

– Fotografía histórica galega: José Suárez, Ksado, Raniero Fernández, Virxilio Vieitez, José María Massó e os arquivos Pacheco, Llanos e Sarabia.

– Exposición central: formada por unha o varias mostras arredor dun determinado tema coa intención de realizar un achegamento á fotografía contemporánea internacional. Nelas mostrouse a Joel Peter Witkin, Les Krims, William Eggleston, William Christenberry, Nan Goldin, Marta Rosler, Allan Sekula, Jim Goldberg, Martin Parr, John Davies, Karen Knorr, González Palma, Graciela iturbide, Joan Fontcuberta, Rio Branco, Raul Corrales, Nancy Burson, John Hilliard, Alfredo Jaar, W. Prazmowski, J. Nacthwey, Gilles Peress, Antoine D’Agata, Aziz+Cucher e Cindy Sherman, entre outros moitos; e históricos como Jack Delano, Walker Evans, Russell Lee, Arthur Rothstein, Dorothea Lange… Seguindo coa dinámica introducida na 2ª edición, construíuse para cada edición unha arquitectura efémera no edificio do Banco de España, responsabilizándose do seu deseño Alfonso Penela en tres ocasións e noutras tantas Irisarri/Piñera.

Vigovisións: non só nos interesaba producir exposicións senón tamén producir obra, motivo polo que nace Vigovisións, consistente en convidar a fotógrafos de diferentes países e de moi distintas concepcións estéticas, a traballar en Vigo con liberdade absoluta, sen ningún tipo de esixencia descritiva, de tal xeito que a cidade aparecía reflectida só na medida en que os seus proxectos o determinasen. Non se trataba de fotografar a cidade senón de converter a cidade nun espazo de traballo. Participaron un total de 51 fotógrafos: Sebastião Salgado, Cristina García Rodero, Paul Graham, Gabriele Basilico, John Davies, Graciela Iturbide, Larry Fink, Conde&Beveridge, Allan Sekula, Joan Fontcuberta, Susan Meiselas, Ron O’Donell, Joel Sternfeld, González Palma, Pedro Meyer, Joachim Schmid, Aziz+Cucher, Daniel Canogar, Milagros de la Torre, Karen Knorr, Antoine D’Agata… En cada edición incluíase un fotógrafo galego: Vari, Lobato, Correa, Vilariño, Terré… As 625 fotografías xeradas polo proxecto pasaron a formar parte da Colección do Concello de Vigo. Hoxe pode resultar sorprendente que estes fotógrafos aceptasen participar co orzamento co que traballabamos –pagábaselles o equivalente a 900 euros por 10 fotografías, excepto na última edición na que se duplicou a cantidade– e a pesar disto moitos enviaron un número superior ao requirido. A importancia deste proxecto, á parte dos fotógrafos escollidos, hoxe a maioría moi relevantes dentro da fotografía contemporánea, é que tivese continuidade durante 14 anos, e como ten escrito Pedro Meyer: Vigovisións foi o que realmente situou a Vigo no mapa da fotografía internacional[1].

– Posteriormente, co ánimo de potenciar a produción fotográfica galega, introduciuse en 1992 a sección Bolsas, un concurso público de proxectos que logo se financiaban e expuñan. E en 1998, Novas creacións, dedicado a fotógrafos emerxentes. Nesta sección a presenza de mulleres foi considerábel, o 40% en 1998 e o 80% no 2000, situación que contrasta coa exposición da primeira edición. Non é alleo a este cambio a creación da Facultade de Belas Artes en 1990, da que proceden a case totalidade dos participantes nesta sección.

A Fotobienal respondeu a unha proposta curatorial concreta e as exposicións que presenta son de produción propia, raramente incorpora exposicións xa producidas. Nisto diferénciase da maioría dos festivais. A Fotobienal optou por preocuparse máis pola coherencia do proxecto que pola súa extensión. A dimensión non excesiva do festival permitiu un trato directo cos fotógrafos, o que determinou que estes se convertesen en embaixadores da Fotobienal. A título de anécdota, lembro que cando estivo en Vigo en 1994 Alfredo Jaar díxonos: “é a primeira vez que a persoa que me invita é quen me vén buscar ao aeroporto, come comigo e está na montaxe. Por favor non crezades máis”. A pesar do seu baixo orzamento en comparación co doutros festivais, as súas características fixeron que acadase un considerábel recoñecemento internacional.

O feito de que a valoración da fotografía non fose a actual permitiunos traer a Vigo obras e fotógrafos que hoxe sería impensábel a menos de contar cun orzamento tremendamente superior, e aínda que no período no que ten lugar a Fotobienal vai mudando esa valoración, non nos afectou. A nosa carta de presentación non era o diñeiro, senón a descrición do proxecto avalada polos fotógrafos que tiñan participado anteriormente e polas referencias que del daban. Como anécdota que ilustra esta situación podemos lembrar que traer en 1990 a Balada da dependencia sexual de Nan Goldin, tras mandarlle o catálogo da edición anterior, custounos o equivalente a 200 euros, os portes de enviar dende Nova York as fotos enroladas nun tubo como era costume. Esta obra tardou máis de dez anos en ser exposta en Madrid, como gran novidade e cun grande orzamento.

Os diferentes niveis de lectura que ten a fotografía posibilitaron que a Fotobienal tivese gran aceptación na cidadanía en xeral, sen caer no populismo que por desgraza caracteriza a moitas programacións institucionais, ao tempo que era seguida con entusiasmo polo mundo da cultura e en particular polas persoas vinculadas á arte.

Para a Fotobienal o diálogo entre o propio e o universal era esencial, e por Vigo entraron na península ibérica moitos fotógrafos dos máis relevantes do panorama internacional e de moi diferentes posicionamentos estéticos. Cómpre lembrar que no Estado español a posmodernidade habitualmente se reducía á posmodernidade pictórica, tamén denominada conservadora, identificándoa coa “movida” e da que o seu maior expoñente español era Ouka Lele, sen considerar a denominada posmodernidade crítica ou deconstrutiva á que a Fotobienal lle prestou atención. Mais Ouka Lele tamén estivo presente na programación da Sáa dos Peiraos, como consecuencia da pluralidade das programacións realizadas polo CEF.

Cando o orzamento da Fotobienal e da Sáa dos Peiraos o permitían, mercábase unha imaxe aos fotógrafos que expuñan. Estas fotografías, xunto coas de Vigovisións e Bolsas, deron lugar á Colección Fotográfica do Concello de Vigo, colección que pasou a estar depositada no MARCO logo de que o museo organizase as exposicións Vigovisións (2003) e O Feito fotográfico. A Colección Fotográfica do Concello de Vigo 1984-2000 (2004).

O labor de comisariado leva frecuentemente a roces cos técnicos e políticos, mais neste caso até 1998 o respecto por parte dos diferentes responsábeis políticos foi total, así como o interese por resolver os problemas que xurdían. Por desgraza non podemos estender a afirmación ao persoal do concello.

No ano 2000 ante o desinterese da Concellería de Cultura de Vigo, da que era responsábel Carlos Príncipe, os comisarios manifestamos que a Fotobienal podía desprazarse a outra cidade, declaracións que La Voz de Galicia reproduciu na portada da edición de Vigo, o que provocou o encargo inmediato da IX edición. Obviamente nunca pensamos en levala a outra cidade, non tería ningún sentido. Unha vez finalizada esa edición consideramos que non tiña sentido dar a batalla por continuar, porque, por un lado, estabamos cansos do desinterese e trabas da concellería, e por outro, e isto era o máis importante, consideramos que o contexto cambiara e que era interesante crear un novo proxecto para defender os mesmos obxectivos.

Pouco despois desaparece tamén a Primavera Fotográfica de Catalunya e en Madrid xorde en 1998 PhotoEspaña, cunha ampla estrutura empresarial e un elevado orzamento, mais non ten os obxectivos nin as características dos festivais anteriores. Anos despois, en 2008, a Fundación Caixa Galicia presenta PhotoGalicia, unha franquicia de PhotoEspaña, baseada en traer exposicións de Madrid e engadirlle unha galega, evento que foi criticado e non volveu repetirse[2].

Durante o período da Fotobienal prodúcese o desembarco da fotografía no campo da arte, o que ten importantes repercusións no eido organizativo. Os formatos, pensados xa para seren exhibidos nos museos e nas galerías de arte contemporánea, increméntanse notabelmente, o que implica un brutal aumento dos gastos de transporte, e as edicións son limitadas, o que implica maiores dificultades para a exhibición. Aquilo de mandar as fotos nun tubo como fixeron Nan Goldín, Sekula, Eggleston, Kline, Parr, Graham… xa pasara á historia. Os centros de arte contemporánea ofrecen outras posibilidades, teñen outros orzamentos e infraestruturas acordes coa nova situación. Os festivais perderon gran parte do seu sentido, a reivindicación que os fixera nacer estaba conseguida. A fotografía entrara na arte contemporánea cunha presenza moi relevante.

O CEF foi consciente do cambio de circunstancias, a Fotobienal cumprira o seu papel e agora debía dar lugar a outro tipo de proxecto. Elaboramos o proxecto da Casa da Foto, que sería a institucionalización e actualización ás novas coordenadas das liñas básicas da Fotobienal, seguindo coa idea de facer a Galiza partícipe do debate da fotografía internacional[3].

A Casa da Foto, seguindo o espírito da Fotobienal sería un centro de produción fotográfica que:

– Seguiría coa recuperación e estudo da fotografía histórica galega, dun xeito especial do Arquivo Pacheco, que o Concello mercara tras as xestións do CEF, facendo partícipe a cidadanía da recuperación mediante exposicións trimestrais que fosen dando conta do recuperado.

– Continuaría co proxecto Vigovisións, dándolle un novo pulo, incrementando orzamento, o número de fotógrafos participantes, facendo coincidir a estancia na cidade dos fotógrafos cunha exposición da súa obra, conferencia, obradoiro… como xa se tiña feito nalgunha ocasión.

– Seguiríase prestando interese á realización de proxectos da xente nova.

– Produciríanse exposicións temporais.

– Encargaríase da difusión e estudo da colección fotográfica que se creou como consecuencia das fotobienais, dun xeito moi particular de Vigovisións.

En 1999 o proxecto foi aceptado con entusiasmo pola concelleira de Cultura de Vigo, Carme Corbalán, e puxémonos a traballar na súa inmediata posta en funcionamento, mais axiña se produciu o cambio de responsábel na concellaría, facéndose cargo dela Carlos Príncipe, e o proxecto veu abaixo sen que tampouco os seus sucesores, López Chaves e Xesús López, mostrasen o mínimo interese. Houbo unha tentativa de retomalo, cando foi responsábel Santiago Olveira, mais este foi cesado ao pouco tempo de ser nomeado.

A reformulación da actividade fotográfica non pasaba pola perda de sentido de institucións estritamente fotográficas. De feito, centros exclusivamente fotográficos como a Photographer’s Gallery en Londres, Maison Européenne de la Photographie, Jeu da Paume en París, ou o Centro Português da Fotografia no Porto conviven con centros de arte contemporánea nos que a foto ten unha importantísima presenza. Porén en Galiza non tiñamos, nin temos, un centro dedicado á fotografía. Perdemos unha importante oportunidade, dadas as posibilidades que daquela ofrecía o feito de sermos os organizadores de Vigovisións.

A partir da IX Fotobienal (2000) o CEF non volveu ter ningún tipo colaboración co Concello de Vigo. No ano 2010, a un ano das eleccións municipais, o concelleiro de Cultura, Xesús López, proponnos que retomemos Vigovisións, ao que nos negamos por considerar que Vigovisións era historia e que non se debía retomar por motivos electoralistas. Non obstante, por se querían retomar a colaboración, presentámoslle o proxecto dunha exposición de fotografía histórica que realizariamos tras un ano de estudo do arquivo, colaboración que se frustrou porque nos esixían que antes de comezar o estudo désemos a relación das fotos que se ían expor –sobran comentarios.

No ano 2007 a AECID, dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores, propúxonos realizar Madrid Mirada, un proxecto similar a Vigovisións, con fotógrafos latinoamericanos e cun orzamento moi diferente do de Vigovisións. Nel participaron 14 artistas e tras inaugurarse en Madrid viaxou a relevantes museos de 12 países de Latinoamérica, o que constituíu unha experiencia moi interesante.

A idea de crear bolsas para a realización de proxectos, que introduciramos nas fotobienais, seguimos desenvolvéndoa co Concello de Santiago de Compostela e posteriormente co Museo do Mar. Esta última colaboración cesou cos recortes. A cada un dos proxectos seleccionados foille dedicado un libro na colección Do Trinque do CEF.

En 2013 o Concello de Vigo facía público que se dispuña a rematar as obras da Casa Galega da Fotografía destinada a albergar a colección xerada pola Fotobienal, curiosamente sen consultar aos que xeramos a colección e sen proxecto museístico que se saiba[4]. Non se volveu falar dela até días antes das eleccións municipais de 2015, en que inauguran o Centro da Arte Fotográfica –vaia nome nun momento en que a fotografía é recoñecida como un medio para a creación artística– cunha exposición, sen comisario, sobre o Arquivo Pacheco realizada sen ningún criterio, con fotos sen retocar e cuns positivados horrorosos, unha autentica falta de respecto. A exposición estaba na planta baixa, nun espazo totalmente inadecuado como espazo expositivo[5], o resto do edificio non se podía ver. Unha vez pasadas as eleccións rematouse a exposición e o edificio permanece pechado até o día de hoxe. Se cadra, dentro duns meses, cando comece a campaña electoral das municipais o abran de novo.

Paralelamente ás programacións da Sáa dos Peiraos e da Fotobienal, en 1986, o CEF emprendeu a actividade editorial co libro Emigración de Manuel Ferrol, iniciando en 1989 a colección Álbum na que se publicaron libros monográficos sobre os fotógrafos históricos Ramón Caamaño, Arquivo Pacheco, Luis Rueda, Ksado, Arquivo Sarabia, José Suárez, Raniero Fernández, Virxilio Vieitez e Arquivo José María Massó. En 2000 inaugura a colección Do Trinque, dedicada á fotografía contemporánea, con libros de fotógrafos galegos emerxentes como Fran Herbello, Andrea Costas, Victoria Diehl…. e outros dedicados a fotógrafos moi recoñecidos doutros países como Karen Knorr, Aziz+Cucher, Joachim Schmid, Luis González Palma, Milagros de la Torre… 22 libros no que se buscou o diálogo entre os traballos de fotógrafos emerxentes galegos e o de fotógrafos internacionais moi considerados[6].

O CEF logrou soster a súa actividade editorial grazas a facer funcionar moitos dos libros como catálogos das exposicións que organizaba. O cambio no panorama expositivo fixo que disminuíse considerablementeo ritmo de publicación, en 2015 edita o seu derradeiro libro, e en 2018, despois de mais de trinta anos de existencia e de publicar mais de corenta libros, dá por finalizada a súa actividade como editorial, aínda que a menten no eido do comisariado.

.

        

[1]  Pódese atopar máis información sobre o proxecto no libro Vigovisións, editado polo MARCO, coincidindo coa exposición dedicada ao proxecto en 2003; ou no blog https://cefvigo.wordpress.com/

[2]  Pódese ver “PhotoEspaña disfrázase de galega” (https://manuelsendon.wordpress.com/textos/photo-galicia-2009/) que publiquei nese momento en A Nosa Terra.

[3]  Pódese atopar máis información sobre o proxecto no libro O Feito fotográfico en Vigo. 1984-2000 editado polo MARCO (2004) ou no blog https://cefvigo.wordpress.com/

[4]         Artigo publicado polos comisarios da Fotobienal: https://cefvigo.wordpress.com/a-casa-galega-da-fotografia-faro-de-vigo12-12-2013/

[5]         Crítica dos comisarios da Fotobienal: https://cefvigo.wordpress.com/inauguracion-do-centro-de-arte-fotografica/ La Voz de Galicia 23/05/2015.

[6]         Pódese atopar máis información sobre a Fotobienal, Vigovisións e as actividades do CEF no blog do CEF: https://cefvigo.wordpress.com/