VAI FACENDO

Proxecto realizado en 2014-2016

O pase de diapositivas require JavaScript.

Na actualidade o territorio galego está cheo de casas que non o chegaron a ser. Aínda que algunhas xa veñen de antes de estalar a burbulla, outras quedaron a medio construír como produto da crise; en ambos os casos rematan converténdose nun símbolo da irracionalidade da construción. Moitas delas nin sequera se precisaban e a maioría supuxeron unha agresión ao territorio.

Mentres o agro galego estivo vivo, o territorio estaba claramente estruturado separando os lugares, grandes ou pequenos, onde se situaban as casas, do que eran terras de labor. A medida que o campo foi quedando ermo, puidemos ver que se comeza a construír nos lugares de cultivo e rómpese a estruturación anterior, que non foi substituída por unha nova estruturación planificada racionalmente.

Vai facendo é o produto dun amplo percorrido a través do país e constatan a desarticulación que o caracteriza. Pódese ver así mesmo como en ocasións a natureza recupera o espazo que antes lle fora propio, devorando estruturas que nunca deberon de existir.

Esta serie ten certa continuidade co traballo Casas doentes, que realicei hai anos, mais daquela centrábame en construcións ruinosas que foran casas, na maioría das cales chamaban a antención a súa dignidade e harmonía. Isto levoume a illalas do seu contorno, fotografándoas como se tratase de retratar rostros de persoas, chegando nalgún caso ao antropomorfismo. Nesta ocasión non me interesa descontextualizalas, senón que pola contra me propuxen presentalas dentro do espazo onde foron construídas.

EXPOSICIÓNS

-En (Re) descubrir a paisaxe. Igrexa Universidade Santiago de Compostela. 2015.

En (Re) descubrir a paisaxe. Museo de Pontevedra. 2015

Deixar un comentario