RANIERO FERNÁNDEZ

Texto do Álbum Raniero Fernández publicado polo Centro de Estudos  ISBN: 84-87882-08-0.

Manuel Sendón Xosé

Luis Suárez Canal

 

Os afeccionados á fotografía son tan antigos como a propia fotografía. Nun principio atraídos pola experimentación anovadora que supuña fixar unha imaxe por métodos químicos, e posteriormente pola posibilidade de fixar recordos. Viaxes, acontecementos familiares, retratos e paisaxes serían roubados ao tempo para quedar rexistrados nos álbumes familiares. Posteriormente en 1888 Kodak lanza a cámara con película en rolo, publicitada co slogan “Vostede prema o botón nós facemos todo o demais” que pon claramente de manifesto a transformación que suporía o uso do medio fotográfico. Xa non sería necesario ter coñecementos de química fotográfica, nin sequera dominar o laboratorio. Nese mesmo momento nace nos países máis desenvolvidos economicamente de Europa o movemento pictorialista, formado por fotógrafos afeccionados para os que a fotografía non era un recurso para gañar a vida, senón un medio mediante o cal aspiraban a realizar unha obra artística. Para eles era importantísimo o traballo realizado no laboratorio, tanto no que se refire ao uso dos procedementos pigmentarios -bromóleos, gomas bicromatadas, carbóns- como polas diferentes intervencións que realizaban no proceso de positivado tradicional, mediante as que consideraban converter a fotografía nunha forma de expresión artística persoal moi diferente da reprodución mecánica e “obxectiva”. Con eles naceron, nos derradeiros anos do século pasado, os salóns fotográficos nos que mostraban colectivamente as súas obras. O pictorialismo, que como movemento innovador dá paso a outros de moi diferente tipos -como a fotografía directa americana de principios de século, e os vencellados ás vangardas históricas europeas dos anos vinte e trinta-, perde paulatinamente a importancia que tivo no paso dun século a outro, sen embargo tanto a súa dinámica de salóns e sociedades fotográficas, como as súas concepcións estéticas van seguir prevalecendo na actividade dos fotógrafos afeccionados, que se irán incrementando numericamente na medida en que as diferentes sociedades van desenvolvéndose economicamente e polo tanto aumentando o seu nivel tecnolóxico por un lado e por outro o de vida e de consumo.

Nos anos cincuenta seguirán existindo, nos diferentes países europeos, sociedades fotográficas que continúan organizando os seus respectivos salóns. En Galiza nese momento observamos que a fotografía afeccionada experimenta un gran desenvolvemento, fundamentalmente desde mediados da década dos cincuenta ata mediados da dos sesenta. Este movemento vaise producir a través das asociacións fotográficas, creadas nas diferentes cidades galegas, sendo a primeira a Agrupación Fotográfica Gallega (AFG) en Vigo en 1946, aínda que non vai ser ata 1954 cando realice a súa actividade máis intensa e continua. Posteriormente, a mediados da década, van nacer as de Ferrol e A Coruña e algúns anos máis tarde as de Lugo e Santiago.

O período de maior actividade da Agrupación Fotográfica Gallega coincide co tempo en que Raniero Fernández ocupa a presidencia, sendo ao mesmo tempo o animador máis importante de todo o movemento asociativo.

Raniero Fernández empeza a tirar fotos cunha Westpocket de formato 4,5 x 6, cando aínda era un rapaz, tomando imaxes da súa actividade como boy-scout no período 1924-29. Posteriormente cambia a Wespocket por cámaras de maior formato, 6 x 9 e de 6,5 x 12 de placas, e na década dos trinta pasa ao formato de 35 mm., comprando unha Retina que levou metida nunha cartucheira durante a Guerra Civil polas diferentes frontes que percorreu.

O seu carácter e o espírito con que asumiu a actividade fotográfica queda reflectido no texto que no ano 1954 escribía sobre a afección á fotografía, no boletin da AFG baixo o pseudónimo “Uno de la Agrupación”.

 

Uns vintecinco anos, aínda que de forma intensiva soamente irán alá uns cinco; o caso é que no ano 1929 “me atrevln” a enviar unha colección de fotografías a un concurso que se celebraba en Vigo, fíxate como sería, que se admitían fotografías desde o tamaño 4 x 6. Cando se inaugurou, eu buscaba as miñas queridas fotos por todo o salón, e as seis obras de arte de 4 x 6,5 que eu con tanta ilusión pegara nunha cartolina non aparecían por parte ningunha, ata que un dos visitantes, ao mover unha porta, me descobre a cartolina, que con boa ou má intención colocaran tras ela… ¿Non había motivo para retirarse? Pois non, aínda tiven uns cantos fracasos máis, e oín máis dunha vez que as miñas fotos non valían para nada. Non obstante, aquí continúo, e ao parecer, agora xa valen un pouquiño. Así que amigo, a continuar. Constancia, moita constancia, que o resto virá despois. Esta anécdota aplicámola a todos os afeccionados que tendo levado o seu primeiro pao xa o ven todo negro.

 

O feito de que no ano 1953 mande a fotografía titulada Esteiro ao “IV Concurso Regional” da AFG e lle concedan o premio de honor foi, segundo di, o responsábel da súa vinculacíón coa agrupación. Inmediatamente á súa incorporación encárgase da realización do boletín, en principio un tríptico mensual que posteriormente, no ano 57, se convertería nunha publicación bimestral de 16 páxinas. Nel van figurar as diferentes actividades da agrupación, aparecendo reflectido o posicionamento fotográfico das asociacións. O boletín da AFG ten a particularidade, con respecto aos doutras agrupacións, de que vai publicar en diferentes números as concepcións de Ricardo Terré, moi crítico coas ideas imperantes nas agrupacións.

O entusiasmo con que Raniero Fernández tomou a actividade fotográfica foi fundamental na intensa actividade realizada pola AFG. A súa entrada coincide co inicio dunha intensa actividade concursística, organizando todos os anos un “Salón Nacional”, convertido posteriormente en “Ibérico”, gran cantidade de concursos sociais para os membros da sociedade e exposicións como a de Otto Steinert e a do grupo mexicano “La Ventana”, gracias estes últimos á colabaración de Ricardo Terré. Outra das actividades que impulsou na agrupación foi “El Banco del Celuloide” ou “Cinemateca”, consistente nun fondo de películas 8 e súper 8 que no ano 56 empeza con 10 títulos pero que posteriormente aumenta de forma considerábel.

A presencia do cine dentro da agrupación irá incrementándose pouco e pouco, e á Cinemateca únense as proxeccións das curtametraxes realizadas polos socios. Algún deles vai reducir considerabelmente a súa actividade fotográfica a medida que empeza a filmar, organizándose no ano 1963 o primeiro concurso de cine amateur. Ao comezar a década dos sesenta un grupo de membros da sociedade funda o Cine-Club Vigo, facéndose cargo da presidencia dende a súa formación ata o ano 77 Raniero Fernández. O Cine-Club permitiu ver películas que non se incluían na programación comercial dos cines da cidade e potenciou un coñecemento máis profundo do cine, a través da edición de trípticos explicativos e coloquios posteriores ás proxeccións. Os cine-clubes foron adquirindo cada vez máis relevancia a medida que avanzaba a década dos sesenta, facéndose cada vez máis evidente a preocupación política. Os seus coloquios foron un dos foros de debate máis libres do momento, a pesar da presencia do tradicional delegado gobernativo.

As películas proxectadas terían influencia na fotografía que se realizou na década dos sesenta no seo das agrupacións, dunha forma concreta o neorrealismo italiano presente na súas programacións.

O período de maior actividade da agrupación coincide, tamén, co de realización da parte máis importante da súa obra fotográfica. Mediada a década dos sesenta a actividade da agrupación diminúe, desaparecendo o boletín e reducíndose considerabelmente a actividade concursística. Cando no ano 1969 deixa a presidencia, a actividade fotográfica da agrupación practicamente desaparece.

A súa obra fotográfica, como a dos demais fotógrafos afeccionados, caracterízase por unha gran preocupación formal propia do academicismo que imperaba nas concepcións estéticas das agrupacións, prestándose unha especial atención á composición das imaxes, tanto no que se refire ao encadre no momento da toma, como ao labor realizado posteriormente no laboratorio. Para el o traballo no laboratorio é un complemento imprescindíbel, non comprendendo “que unha persoa poida facer fotos sen traballar o laboratorio”. A elegancia das composicións das súas imaxes é produto do distanciamento á hora de realizar as fotos, procurando pasar completamente desapercibido, o que lle permite “dar unha maior realidade á foto”, recordándonos o posicionamento de Cartier Bresson “se un se fixo notar debe abandonar a foto”. As súas imaxes teñen en común tamén coas de Cartier a xeometría das súas composicións, coa diferencia de que son moito máis estáticas, sendo as persoas consideradas en moitos casos como elementos da composición formal.

Malia a paisaxe ter sido a temática máis tratada polos fotógrafos non profesionais, Raniero Fernández non se sente especialmente atraído por ela, e os efectos de luz (néboas, nubes tormentosas…) tan característicos desa época, úsaos en poucas imaxes. Realizou non obstante algúns nocturnos, como os de Santiago e do Berbés que mandaría a diferentes concursos, debido a importancia que se outorgaba a este xénero.

Para el na fotografía “ten que haber algo que teña vida”, o que o levou a sentirse especialmente atraído polo ambiente do porto pesqueiro de Vigo, definindo o Berbés como “un couto de caza fotográfico excepcional”, definición que máis alá da atracción polo lugar amosa claramente, tamén, o seu concepto de fotografía.

Para el como para a maioría dos afeccionados dese momento, sen problemas económicos, a fotografía vai ser un hobby que supoña un relax na súa actividade profesional. Eran frecuentes nas asociacións fotográficas as saídas en grupos aos domingos pola mañá para realizar fotografías. El vaino facer en moitas ocasións con Luís Zamora, Fernando Ximénez, Luís Gutiérrez e Antonio Regueiro. O resto da semana dedicábano a positivar e a escoller as fotos que posteriormente mandarían a diferentes concursos.

A maior parte da obra de Raniero Fernández, como a de Manuel García Ferrer, vai ser máis viva que a maioría da realizada dentro das sociedades fotográficas, adquirindo a medida que pasa o tempo cada vez un maior interese dende o punto de vista documental. As fotos do Berbés, como as do fútbol de Ferrer, non eran as que gañaban os premios, non correspondían co que se entendía por “fotografía artística”, de feito aos concursos mandaban outras máis bucólicas baseadas en moitos casos en efectos de luz. Son imaxes que nalgúns casos poden ser consideradas, nalgúns aspectos, próximas á denominada fotografía humanista que tivo o seu punto álxido en The Family of Man, exposición que Raniero Fernández vira nunha das súas viaxes ao estranxeiro, conservando o libro que se editou como catálogo, o sobre a que a AFG fixo unha proxección no seu local social.

Na fotografía de Raniero, e dunha forma especial no traballo xa citado do porto de Vigo, hai preocupación pola persoa humana mais que en ningún caso pretende amosar ningún conflito nin insinuar a máis mínima crítica social. A sociedade preséntase tan apracíbel a nivel social como equilibrada a nivel formal, sendo totalmente consistente coa súa visión conservadora do mundo. Así, prefire fotografar o Berbés aos domingos, porque hai tranquilidade fronte ao bulicio e axitación que caracteriza a vida do porto os días laborais. Moitas das súas imaxes, non exentas dunha visión pintoresquista, poden ser definidas como costumistas.

Na década dos sesenta e principios dos setenta realiza unha serie sobre os hórreos e outra sobre os cruceiros “o humano e o divino” moi distantes a maioría das tradicionais paisaxes realizadas no marco das asociacións. Nelas non van aparecer persoas, nin polo xeral vistas panorámicas, pola contra van amosar unha intencionalidade descritiva e catalogadora. Os hórreos, a súa diferente morfoloxía, os diferentes materiais usados, as transformacións que sufriron e a confrontación entre os diferentes tempos a que parecen responder, son os protagonistas exclusivos da imaxe. Con similar intención realizou diferentes series sobre ourivesaría relixiosa (cruces, cálices, botafumeiros…) tomadas coa súa Linoff 6 x 9 e dunha coidada realización técnica.

Fronte á reivindicación histórica de todo o movemento pictorialista de considerar a fotografía como arte, tamén asumida por suposto nas agrupacións galegas, Raniero defende, con certa humildade, o carácter de “ciencia artística” afirmando “que non require cualidades especiais, simplemente que algo che chame a atención e ter certo gusto para o encadre”. Certamente ese “algo” que lle chamou a atención, hoxe case medio século despois permítenos a uns recordar e a outros descubrir diferentes aspectos do pasado. Gracias a el quédannos para sempre imaxes sensíbeis de cómo era o Berbés, as feiras da Ascensión de Compostela ou a expectación que espertaba a inauguración do aeroporto de Peinador.

Deixar un comentario