A OLLADA AO INFINITO DE PEPE SUÁREZ

José Suárez é un fotógrafo singular dentro da fotografía histórica galega. As súas fotografías non responden a unha suma de encargos puntuais, como as dos fotógrafos profesionais, nin a fotografías realizadas para concursos como adoitaba suceder cos afeccionados. O seu arquivo componse de diferentes series, destinadas a seren expostas ou publicadas, nas que mostra a súa visión sobre diferentes temas ou territorios. Nelas pódense apreciar claramente unhas características moi definidas que se manteñen ao longo da súa extensa traxectoria, produto dunha visión reflexiva, moi persoal, determinada por unha rica formación cultural, que lle confire un claro carácter de autor do que carecen xeralmente os fotógrafos profesionais históricos.

En 1988 e en 1993 realizamos dúas mostras da súa obra, con cadanseu libro que contiña o centenar de fotografías mostradas en cada caso. Non obstante botábase en falta unha mostra máis ampla que as completase e que incluíse, ademais, fotografías realizadas nas terras de Salamanca nos anos trinta, as de Tierra de Fuego, Santiago del Estero, El Chaco, Punta del Este ou Bahia dos coarenta, e as dos anos sesenta no Mediterráneo e en Glyndebourne. Cumpría ademais contextualizar o seu traballo, tanto dentro da súa vida como nas publicacións a que deu lugar, para o que se inclúen nesta exposición: oito audiovisuais, libros, revistas, películas, cartas, obxectos persoais… Esta parte da mostra presenta unha relevancia especial, dado o interese da súa vida, tan rica como dura, e a gran proxección que tivo a súa obra no seu momento.

A pesar de que o interese da súa obra transcende totalmente o marco galego, nunca, dende que morreu, se lle dedicou fóra de Galiza unha exposición monográfica que abordase globalmente a súa obra, mais si foron incluídas escolmas en todas as exposicións que abordaron a fotografía no Estado español nos anos trinta ou nos anos cincuenta. Consideramos, por tanto, que era precisa a proxección da súa obra fóra de Galiza, polo que está exposición na Cidade da Cultura naceu co propósito de viaxar á Arxentina e ao Uruguai, onde el viviu, e completar a itinerancia en Madrid.

As series sobre os oleiros, a sega, beiramar, a romaría de San Vitoiro e os mariñeiros constitúen un extraordinario e único documento da Galiza rural dos anos trinta, mais o seu interese non só é documental. Dende o punto de vista estético teñen tamén un grande valor e conectan cos movementos de vangarda. Así o tratamento dos obxectos e a composición de moitas das súas imaxes fannos lembrar os autores da Nova Obxectividade e as fragmentacións, picados, contrapicados e composición diagonais doutras aos da Nova Visión. A diferenza con eses movementos é que Suárez pon a experimentación formal anovadora ao servizo dun proxecto claramente humanista: Nas miñas fotos sempre está o home ou polo menos a súa pegada. Dun xeito moi especial hai que destacar Mariñeiros, un extenso traballo sobre o mundo do mar, do que nesta exposición se mostra unha ampla selección. Só por el xa merece un lugar de honra na historia da fotografía galega. Os contrapicados danlles unha dimensión épica aos mariñeiros que contrasta coas usuais representacións costumistas que adoitamos ver. Nesta serie nótase claramente a influencia do cine, o cal non é estraño, pois ao tempo que a realizaba estaba a filmar a película Mariñeiros. Esta película non puido rematala en Galiza debido a que por mor da sublevación fascista tivo que exiliarse na Arxentina, onde a rematou. O exilio foi un transo duro para todos os que o tiveron que sufrir, mais para el foi particularmente duro, tanto no profesional como no persoal. Profesionalmente ao non poder levar adiante as películas sobre as series antes citadas, para as que tiña o encargo de realización da produtora CIFESA. Naquel momento xa tiña exposto no Círculo de Bellas Artes de Madrid e en París, ademais de estar relacionado co mundo intelectual. E no plano persoal, debido a que a súa muller, con quen levaba un ano casado, non o acompañou. No ano 1942, xa en América, dedícalle o libro Nieve en la Cordillera, que inclúe paisaxes dos Andes dunha coidada composición formal que nos fan lembrar os paisaxistas americanos, ademais de imaxes dos traballadores do ferrocarril nunhas penosas circunstancias que o impresionaron profundamente, e outras relativas ao mundo do esquí, a súa gran paixón.

Durante a década dos corenta, ao mesmo tempo que traballa no mundo do cine, normalmente como responsábel de fotografía de exteriores aínda que tamén chegou a dirixir unha película, realiza as series antes citadas en diferentes lugares de América do Sur. Trátase de series de grande interese, nas que segue existindo a coidada realización formal das realizadas nos anos trinta, nas que os gauchos, os ovelleiros, os colleiteiros do algodón… son o centro de atención. Son frecuentes tamén os contrapicados que como en Mariñeiros dan unha visión épica do traballador. Nelas nótase tamén claramente a influencia do cine na forma de organizar a fotografía.

Farto do mundo do cine e tras vivir en Puntadel Este, onde montou unha libraría, El Yelmo de Mambrino, en 1953 vaise ao Xapón buscando a tranquilidade de espírito que lle ofrece a cultura xaponesa que el admira particularmente. Como consecuencia da estadía de dous anos, realiza unha extensa obra de fotografía en branco e negro e diapositivas en cor (que se mostran por primeira vez nesta exposición). Imaxes que non obedecen a unha escenificación controlada polo fotógrafo, senón que son tiradas sen que se perciba a súa presenza, que nos fan lembrar as dos fotoxornailstas en auxe naquel momento como Cartier-Bresson ou Werner Bishof. Nelas o coidado formal segue a estar presente.

En 1959 regresa do exilio e realiza un amplo traballo en La Mancha, no que ía á busca do Quixote, de tanta relevancia para el, mais segundo declarou só atopou sanchopanzas. Un traballo realizado con cámara de 35mm, a diferenza dos anteriores nos que empregara cámaras de medio formato, caracterizado por unha coidada realización formal nas que as persoas de negro sobre a branca arquitectura amosan unha sociedade sórdida e triste. Na mesma liña están as fotografías realizadas no Mediterráneo, en Eivisa e Mojácar, onde residiu.

En 1966 realiza en Glyndebourne a que será a súa derradeira serie. De particular interese, amosa unha visión irónica das clases altas británicas que nos fai lembrar o anovador traballo que nese momento estaba a facer Tony Ray-Jones, referente dos fotógrafos documentais británicos contemporáneos. En Inglaterra, en 1967, e logo en USA publica The Life & Death of the Fighting Bull, un particular achegamento ao mundo dos touros.

Corenta anos de traballo fotográfico, fotografando en territorios moi distintos, segundo declarou deu dúas veces a volta ao mundo. Porén a súa obra caracterízase por unha gran coherencia. A ollada do campesiño de La Mancha, do gaucho e do mariñeiro galego son moi similares: unha ollada ao infinito, amosando tristeza, incerteza, soidade. É a mirada de Pepe Suárez.

 

Manuel Sendón

Xosé Luis Suárez Canal

Advertisement