PhotoEspaña disfrázase de Galega

PHOTOESPAÑA DISFRAZASE DE GALEGA

Neste outono inaugurouse PhotoGalicia organizada pola Fundación Caixa Galicia. Nun principio poderíase pensar que se trata dun festival máis, similar a algún dos existentes, como o Outono Fotográfico de Ourense ou Revela, ou a outros xa desaparecidos, como a Mostra Fotográfica de Lugo ou a Fotobienal de Vigo. Porén hai unha grande diferenza. Estes festivais, a pesar das distintas concepcións ás que respondían, foron pensados e realizados dende Galiza, mentres PhotoGalicia consiste en importar PhotoEspaña a Galiza cambiándolle o nome. Tráense as exposicións realizadas en Madrid, engadíndolle a dunha artista galega, como se con isto xa fose abondo para converterse nunha produción galega. E se ben é certo que a empresa  organizadora de PhotoEspaña ten todo o dereito a vender aquí as súas exposicións, outra cousa ben diferente é usurpar os nosos sinais de identidade, presentando o festival como unha creación galega.

Que a Fundación Caixa Galicia, ou calquera outra institución, mostre exposicións realizadas noutras latitudes obviamente non só non é criticábel, senón que é desexábel, é un bo complemento a outras pensadas e organizadas dende aquí. Outra cousa ben diferente é mercar todo o paquete en bloque e reducir a iso a programación do festival, facéndoo pasar por unha produción galega, como se non fósemos quen de pensar por nós mesmos e seleccionar o que queremos mostrar e como queremos facelo. Con esta forma de proceder a institución dá a impresión de ser incapaz de producir un produto propio que contribúa á dinamización da creación fotográfica en Galiza e cumprir desa forma co seu papel de institución pública galega. Galiza ten que participar no debate da contemporaneidade e iso pasa necesariamente por confrontar o propio co alleo, co que isto leva consigo a nivel de debate e reflexión,  pero non se acada converténdose nunha axencia de recepción. É tan estéril o illacionismo como o mimetismo ante o alleo.  Imaxínanse a existencia de PhotoCataluña?  Ou  á Fundación La Caixa mercando todo o paquete e cambiando España por Cataluña? Evidentemente non existe PhotoCataluña, como non existe PhotoEuskadi.

A exposición galega que inclúen, Frías, frágiles, durmientes, de Victoria Diehl, merece un comentario. En primeiro lugar dicir que considero de extraordinario interese a súa obra, que coñezo e admiro. No Centro de Estudos Fotográficos editamos o seu libro Vida e morte das estatuas e organizamos a súa primeira exposición. O seu traballo é do máis interesante que se fixo en fotografía neste país nestes últimos anos.  Unha vez dito isto debo engadir dúas cousas. Primeiro: non hai reciprocidade na relación con Galiza, dado que esa exposición non foi incluída en PhotoEspaña e non creo que o vaia ser, a pesar de que o seu interese transcende claramente o ámbito galego, como demostra a súa proxección fóra. Segundo: a exposición presentada en Vigo é a mesma, agás unha foto, que a realizada hai poucos meses na Galería Bacelos na mesma cidade. Un festival fotográfico ten sentido se contribúe a dinamizar a creación e a reflexión fotográfica. Habería, polo tanto, que aproveitar a ocasión para proporlle á artista, co tempo adecuado, a realización de novas fotografías, unha boa oportunidade para encetar un novo proxecto. Iso esixe dedicación e interese, en definitiva outra formulación, pero se o que se quería era exhibir unha imaxe nas rúas, nos aeroportos ou na publicidade mediática, entón claro que non era preciso contribuír á produción de algo novo.  A reflexión sobre isto transcende esta exposición en concreto e lévanos a reflexionar sobre a función das exposicións e programacións, e sobre o papel das institucións e dos comisarios na produción cultural.

Os tempos que vivimos, caracterizados polos cambios nas tecnoloxías da comunicación, fan que non haxa fronteiras para o coñecemento. Isto é extraordinariamente positivo e introduce modificacións na relación entre os centros de poder importantes e a periferia, á que en maior ou menor medida pertencemos, abrindo novas posibilidades para a difusión de proxectos dende ela,  pero tamén leva implícita unha gran tendencia ao uniformismo a partir dos valores e características da cultura dominante. Isto fai que adquira máis valor que nunca o dito de que a única forma de participar do universal é dende a defensa do particular, pensamento moitas veces repetido pero moi poucas aplicado con tino.  A miña experiencia de comisario, xunto con Xosé Luis Suárez Canal, da Fotobienal de Vigo demóstrame a eficacia desta formulación e como cunha proposta que teña certa singularidade se logra o respecto e interese por parte doutras culturas, así como o enriquecemento da propia e a súa proxección no exterior, e posibilítase realizar propostas que noutro caso serían imposíbeis ou de moito máis alto custo económico.

Xorde o interrogante de se hoxe, coa plena incorporación da foto á arte (co que isto implica no plano orzamentario) unido á proliferación de centros de arte contemporánea, seguen a ter sentido os festivais fotográficos tal como eran concibidos nas décadas dos oitenta e noventa. Aínda que iso é outra cuestión.

Quero deixar claro antes de concluír que non estou a facer unha crítica á calidade das exposicións de PhotoGalicia, nin á escolma de autores realizada. No seu momento non só expuxemos a Victoria Diehl senón tamén A G. Basilico e a J. Valhonrat. Recomendei aos meus alumnos que as visiten, e dunha forma particular a de Eugene Smith polo seu extraordinario interese. Teño que dicir tamén que, dende o seu inicio en 1998, teño colaborado con PhotoEspaña formando parte de diferentes xurados e facilitando o contacto con fotógrafos que querían incluír nas súas programacións logo de expoñeren na Fotobienal de Vigo.  Non obstante, as reflexións aquí expostas leváronme a non aceptar a invitación que me fixeron para participar nunha mesa redonda dentro de PhotoGalicia.

Malia ter pensado en diferentes ocasións escribir sobre PhotoGalicia, e máis dunha persoa mo ter suxerido, non quería ser eu quen o fixese por ter sido un dos comisarios da Fotobienal de Vigo, pero o feito de que ninguén tratase esta cuestión unido a esta invitación do Xornal de Galicia, decidiume porque creo que é unha reflexión necesaria.

 

Manuel Sendón

 

 

4 respostas a “PhotoEspaña disfrázase de Galega

  1. Just passing by.Btw, your website have great content!

    _________________________________
    Making Money $150 An Hour

  2. Que sexan 1 ou 2 as imaxes novas expostas, ou que en Bacelos no estiveran a totalidade, creo que non cambia a análise.

  3. Aunque estoy de acuerdo con algunos planteamientos de esta crítica, considero preciso puntualizar algunas cuestiones del artículo.

    Es incorrecto que la exposición actual sea la misma, excepto una obra, que la mostrada en la galería Bacelos el año anterior. En Bacelos se expusieron 8 imágenes de la serie “El Cuerpo Vulnerable” y en Photogalicia se exponen 14 obras a modo de retrospectiva bajo el título “Frías, frágiles, durmientes” en las que se incluyen obras de diversas series, entre ellas las 8 ya expuestas el año anterior, dentro del proyecto común “Vida y muerte de las estatuas”. En concreto hay dos obras nunca expuestas anteriormente y otras que tampoco habían sido mostradas en Vigo.

    Conozco personalmente a la artista y se que fue su intención volver a mostrar obras de la serie “El Cuerpo vulnerable” ya que en su opinión la visibilidad, los medios y el reconocimiento que le otorgaba Photogalicia merecía que se volviese a exponer imágenes de su último trabajo en el contexto de la retrospectiva. Y me consta que la autora está agradecida a Photogalicia, a Photoespaña y a Caixagalicia, por la libertad, la atención y las facilidades prestadas para la producción de su exposición.

    Saludos
    Javier

  4. Interpreto que a metáfora do “disfraz” é o troco da cora marela pola azul na imaxe corporativa do evento….

    Presentar PhotoGalicia como unha creación galega: craso erro.
    Por qué non conservan o nome PhotoEspaña para un conxunto de exposicións, 4(+1) de tantas que integran este festival en Madrid?. Por outro lado o nome está suficientemente consolidado como para que funcione. Foi o ano pasado cando barallaba nisto a cerca deste “festival”.
    Debo dicir que a primeira vez que souben de PhotoGalicia, e que un organismo como a Caixa Galicia argallaba detrás, no me chegaba a hora de vela programación, pero que gran decepción cando vin a web, non pola calidade das exposicións, porque como periféricos (en maior ou menor medida) ás veces ver obras de certos autores é imposíbel se non saes da Galiza, é de agradecer ter aquí obras coma as de Eugene Smith, por exemplo.
    Sei que neste País é moi complicado conseguir que aproben un orzamento dunha mostra na que hai unha partida para produción de obra nova (que non imposíbel) pero se un organismo que ten por slogan na última campaña “ata onde queiras chegar” non o fai, quen o fará?. Encabúxame ver cómo as dúas caixas de máis peso neste país se van a Madrid a mercar paquetes de arte, ás veces sen ningún tipo de parámetros preestablecidos, e que despois guinden ó lixo grandes proxectos que chegan ás súas oficinas, obviando que Galiza ten un xeito de traballo de seu, relegando a arte galega, que sería perfetamente compatíbel coas propostas foráneas, por suposto. E se realmente queren cumprir cos compromisos, onde está a arte galega que as caixas da Galiza levan máis alá da liña que pasa polo Cebreiro ou por debaixo do Miño e que delimita esta illa?
    Evidentemente tampouco entro a valorar a selección de autores, nin a calidade das obras dos mesmos, opino, tamén, que Diehl ten unha proxección fóra que avala a súa calidade, e penso que evolucionará nunha gran artista digna de mencionar nas páxinas da historia. Pero é triste ver cómo a fotografía se retroalimenta dese illamento tan intrínseco á concepción da arte neste país (e as meta-illas que hai dentro da illa), dá mágoa ver como as institucións se lavan as mans con “festivais”, quedando saldada a débeda pendente coa fotografía, é vergoñento ver cómo se organizan algunhas xornadas que saen de organismos tan respetábeis como o Parlamento (e falo da itinerante Convivir-Convivencias-Poéticas, onde se supón que fotografía xogaba un papel decisivo) se organicen dende un chalé ás aforas de Compostela por xente que por fotografía entende un click que se fai posando diante da Torre Eiffel para logo colgar no Fotolog para uso e desfrute dos navegantes, e lucimento persoal do autor, que de paso che di que estivo en París; onde non había unha partida orzamentaria para os artistas, e as fotos se cortaron (!) porque “no cabía, a parte queda más chuli así, ¿no?”.
    É simpático ver cómo en todo canto se organiza na Galiza se tira sempre dos mesmos artistas, pero non só iso, senón das mesmas obras, para que o espectador vexa a mesma foto na Galería Bacelos, no Auditorio de Galicia, no catálogo do Parlamento, no Certame da Deputación de Ourense, na Colectiva do Museo Provincial de Lugo, no Marco, na proxección do Macuf, na Galería Sargadelos de Ferrol e na colectiva do Municipal de Ourense. (é un caso real, e non facía un seguemento da obra), que de seguro responde a comisarios que non se documentan, a un fallo na pescuda de novos valores, e á inexistencia de pagamentos ós artistas para producir novos traballos por parte das organizacións.

    Sinto raiba cando unha proposta artística que non se fai dende e para unha das “cidades da cultura” de Galiza xa non se considera tan boa, estou farto de que os “circuítos” sempre sexan os mesmos e que en Burela ou en Valdeorras non se poida consumir arte contemporáneo.
    Por non entrar a falar dos certames que temos no noso País que se presume son unha lanzadeira de novos artistas e unha promoción sen precedentes para o/a gañador/a; cando tódolos certames que coñezo conclúen cunha gran exposición colectiva (que á institución organizadora custoulle o importe do premio, que con sorte pode acadar a abraiante cantidade de 6.000 euros) á que só acoden os artistas e familiares dos artistas porque, en xeral, non se coñece a difusión ou a figura do xefe de prensa, ou como custa cartos, e son os artistas que empezan, non se fai. Co cal os convites só chegan ós seleccionados do concurso, pero temos a sorte de que se edita un catálogo (que de quedares seleccionado publican a obra e xa non che vale para ningún certame máis); pero non caemos na conta de que o catálogo repártese entre os asistentes, e con sorte se envía a tódolos participantes. Señores, para amosarlle a miña obra a outros artistas, amósolla na miña casa, porque o País é pequeno e somos catro os que nos adicamos a esto, fago un envío masivo de sms e aínda aforro cartos na produción da obra.
    Paralízaseme o ritmo circadiano cando vexo a publicación dun libro de fotos mediocres en pastas duras e edición deluxe porque o fotógrafo é sobriño do Presidente da Deputación… pero estoume a desviar moito do tema.

    Volvendo a PhotoGalicia, direi que é incorrecto dicir que a programación do festival se reduce a 5 exposicións senón que tamén ofertaban obradoiros para nenos, e un encontro con Victoria Diehl, claro que era a única artista das mostras do programa coa te podías “encontrar”. Penso que Caixa Galicia dispón de recursos para elaborar “un produto propio que contribúa á dinamización da creación fotográfica en Galiza”, non me cabe a menor dúbida, pero (volvendo ó devandito) ás veces cunha chamada de teléfono e un golpe de talonario sáldanse débedas adquiridas, e todos/as ficamos ledos pola contribución á arte.

    Para rematar, direi que hoxendía non sei se aínda seguen tendo sentido festivais cocibidos coma nos oitenta, pero para os puristas, é de agradecer que o Outono Fotográfico ourensán siga cunha saúde de ferro alleo ás modas, que – aínda que pida reformulacións – siga conservando os obxectivos cos que comezou, e que cada novembro os acade, sen aires de grandeza, sen anuncios nos aeroportos e sen patrocinar Miraxes.

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s