Arquivo por autores: manuelsendon

Exposición da expedición 17 no Faro Fisterra

Expedición 17 aos ríos Xallas e Cee

Faro Fisterra

ENCONTRO DA ESTRADA SOBRE A FOTO EN GALIZA

O día 27 de xullo celebrouse na sala Dispara da Estrada un encontro entroneo a fotografía en Galiza. Como complemento os organizadores, Luis Díaz e Xosé Lois Gutiérrez Failde pedíronme un testo breve.

Nas dúas últimas décadas do século pasado, cambiou radicalmente o panorama da fotografía en Galiza. Pasou de ser considerada como unha actividade competitiva ligada a concursos, sen unha dimensión cultural, a ser recoñecida como un medio para a creación artística, ata o punto de poder dicir que a arte volveuse fotográfica. Por primeira vez dialogou coa fotografía universal, e comezouse a valorar, estudar e difundir a fotografía histórica, da que ata ese momento nin se reparara na súa existencia[1].

Sen embargo dende a experiencia do Centro de Estudos Fotográficos (CEF) constato que nestes últimos anos a recuperación da fotografía histórica galega sufriu un parón, e os proxectos de produción fotográfica como as bolsas desapareceron.

A entrada da fotografía no campo da arte, obviamente leva a que haxa que reformular estratexias e proxectos mais non debería levar consigo o abandono de iniciativas fotográficas, e non debería impedir a creación de institucións dedicadas á fotografía, paralelas ás institución de arte contemporánea.[2]

Hai anos o CEF propuxo a creación dunha institución dedicada á fotografía, a Casa da Foto, como existen en París, Londres ou Porto, por só citar tres exemplos. O proxecto que o CEF lle presentou ao Concello de Vigo en 1999, que en principio foi recibido con entusiasmo, foi esquecido co cambio de responsábel político. Dez anos despois construíron un edificio que leva tres abandonado, e que agora, que entramos en período electoral, anunciaron a intención de  finalizar a obra. Que casualidade. Sen embargo nunca fixeron público o proxecto que albergaría, o que xa resulta unha práctica habitual na creación de centros de arte.

Nestes últimos anos, os orzamentos reducíronse radicalmente, agás para as grandes exposicións institucionais, e estes recortes viñeron acompañados pola desidia dos reponsábeis. O panorama é desalentador, e non hai visos de que vaia cambiar. Ante isto, compre, na miña opinión, ter unha actitude crítica e posicionarse ante esta situación.

Non obstante, ou precisamente debido a este contexto, xurdiron iniciativas moi positivas, que se deben de ter en conta, como o Premio Benito Losada, o Furancho de Arte Contemporánea, a Editorial Fabulatorio…, presentes no encontro do día 27 de xullo na sala Dispara de A Estrada. Experiencias, que como as de décadas atrás, están baseadas no entusiasmo e voluntarismo dos seus organizadores.

A xuntanza da Estrada serviu para poñer en contacto, e nalgúns casos para poñer caras a nomes, a diferentes fotógrafos, axentes e interesados na fotografía, poñendo de manifesto a importancia das iniciativas alternativas. Viuse así mesmo a pertinencia da realización de novos encontros.
Estes novos encontros poderían servir para coñecemento mutuo das propostas, tanto as que se están a realizar como as que están na fase de proxectos, o que ademais de difundilos xeraría sinerxías e colaboracións interesantes,.
Despois deste primeiro encontro, moi xeral en canto a contidos por ser o primeiro, penso que é preciso que os vindeiros sexan máis específicos, e a ser posíbel acompañados da presentación de proxectos concretos.

[1] En Vigovisións (2002) e O Feito Fotográfico. Colección fotográfica do Concello de Vigo 1984-2000 (2003) , catálogos das exposicións que comisariei con Xosé Luis Suárez Canal no MARCO de Vigo, abordamos este período.

[2] No artigo Concursos e Festivais, que publiquei hai uns meses abordo algúns aspectos que teñen cambiado no eido da fotografía en Galiza nas últimas décadas.

MIL RÍOS (Expedicións ao Verdugo) no MARCO

Pódense ver no MARCO  de Vigo, ata o día 12 de outubro,  as expedicións ao Verdugo, dentro da exposición Eidos da imaxe. Grafías dos feitos e do pensamento, comisariada por Alberto Ruíz de Samaniego

MIL RÍOS: Expedición ao río Xuvia en Ferrol

 Por que reducir a paisaxe dos ríos a fotografías tiradas dende a beira?

A paisaxe pode ser algo máis que unha representación visual estática.

ferrol-blog

En MIL RÍOS o importante é a experiencia do río,

as fotografía son parte desa experiencia,

as gráficas a súa pegada e

as bitácoras, o blog e as exposicións a súa representación.  

 

En Vigo unha fresadora labrou sobre a parede a traxectoria percorrida,

en Cambados converteuse en imaxe luz ao reciclar unha caixa de luz, e  

en Ferrol deu lugar a un obxecto de resina paralelo a parede.

MIL RÍOS no Centro Torrente Ballester de Ferrol. Inauguración o venres 10 de xaneiro

cartel-mil-rios-blog

En xuño presentamos no Museo do Mar de Vigo as expedicións ao río Verdugo,

 en xullo en Cambados as do ríoUmia,

agora  no Centro Torrente Ballester de Ferrol a expedición ao río Xuvia.

MÁIS

A CASA GALEGA DA FOTOGRAFÍA

Artículo publicado hoxe en FARO DE VIGO

 A CASA GALEGA DA FOTOGRAFÍA

Hai uns días soubemos por este xornal que o Concello de Vigo se dispuña a rematar as obras da Casa Galega da Fotografía. Do mesmo xeito, tivemos noticia, no seu momento, da súa construción. Non coñecemos polo tanto a súa estrutura, nin sabemos se foi realizado atendendo a un proxecto museístico elaborado previamente.

En primeiro lugar queremos manifestar a nosa satisfacción de que haxa intención de rematar un proxecto que demanda a historia fotográfica da cidade de Vigo. Un espazo que acolla a colección, que a mostre, a difunda e permita e seu estudo é algo que tiña que estar feito xa hai moito tempo. En segundo lugar, chámanos a atención que non se contara coa nosa opinión en ningún momento de todo este proceso, tendo en conta que, como se declaraba publicamente, esta institución albergaría os fondos fotográficos que o Concello de Vigo posúe como resultado da Fotobienal de Vigo da que nós fomos comisarios.

A colección non só está formada polos fondos adquiridos no contexto da Fotobienal, senón tamén polos que proceden da programación fotográfica da Sala dos Peiraos (1985-1991) e de exposicións realizadas na Casa das Artes, en definitiva da actividade fotográfica realizada entre 1984 e 2000 como produto da colaboración entre o Concello de Vigo e o Centro de Estudos Fotográficos. Nese período a cidade de Vigo foi a referencia fotográfica de Galiza e de todo o Estado español e a través do proxecto Vigovisións situouse no mapa mundial da fotografía.

Durante o período de tempo en que tivo lugar a Fotobienal, a consideración da fotografía mudou radicalmente e a súa entrada no mundo da arte foi unha realidade plenamente acadada. Hoxe un proxecto coma a Fotobienal non tería sentido, tanto polos custes de produción, debido á entrada da fotografía no mundo da arte, como polo feito de que exposicións como a central que se realizaba en cada unha das Fotobienais poden ser realizadas dentro do Museo de Arte Contemporánea co que conta a cidade. Porén a aparición do MARCO coa súa programación non invalida un proxecto exclusivamente fotográfico como pode ser a Casa Galega da Fotografía

Fomos conscientes destes cambios e por iso no ano 1999, nos poucos meses en que Carme Corbalán estivo á fronte da Consellería de Cultura, elaboramos detalladamente un novo proxecto que pasaba por adaptar ao novo contexto mundial da fotografía os obxectivos que guiaron as programacións da Fotobienal e da Sala dos Peiraos, que eran os do Centro de Estudos Fotográficos: recuperar a fotografía histórica galega e dinamizar a contemporánea, facéndoa participar do debate da fotografía universal, de tal xeito que Vigo seguise sendo un referente na produción fotográfica no plano internacional. O proxecto incluía a constitución do que nos chamamos naquel momento a Casa da Foto, con varias salas con programación estábel, unha biblioteca exclusivamente fotográfica, un laboratorio e instalacións para albergar a colección e o arquivo Pacheco e os que se fosen incorporando. Ademais contemplaba ir facendo a cidadanía partícipe da recuperación do arquivo Pacheco a través de exposicións trimestrais que irían dando conta do recuperado nese período. Os responsábeis posteriores da Concellería de Cultura non tiveron interese no proxecto, nin sequera se dignaron escoitalo, polo que non só se parou a colaboración entre o Centro de Estudos Fotográficos e o Concello, senón que tamén rematou a dinámica fotográfica do Concello, quedando relegada a algunhas exposicións puntuais para saír do paso. A colección quedou amoreada dun xeito lamentábel na caixa forte do que fora o Banco de España, hoxe Casa das Artes. Como consecuencia da exposición Vigovisións que comisariamos no MARCO no ano 2003, realizada á proposta de directora naquel momento Carlota Álvarez Basso, as fotos que a integraban pasaron a ser depositadas no museo debidamente catalogadas. O interese por que quedara depositada debidamente catalogada o resto da colección e non correse o risco de estragarse foi un dos obxectivo que nos levou a propoñerlle de novo a directora do MARCO a exposición O Feito fotográfico. A Colección Fotográfica do Concello de Vigo 1984-2000, no ano 2004, na que se analizaba a actividade fotográfica realizada na cidade de Vigo no período da Fotobienal. Deste xeito a colección quedaba debidamente catalogada e inventariada e o que é máis importante, quedaba almacenada nun centro que reunía as condicións necesarias para a súa conservación

Se exceptuamos a itinerancia dunha escolma desas dúas exposicións ao Centro Portugués da Fotografía, non houbo difusión reseñábel da colección. Unha mágoa dado o interese que ten dun xeito particular a colección Vigovisións, posto que resultaba ser un proxecto innovador en todo o Estado español e dada a consideración que hoxe teñen a maioría dos 51 fotógrafos que participaron no devandito proxecto.

Consideramos que este novo espazo da Casa Galega da Fotografía non tería sentido se se limita só a mostrar a Colección Fotográfica do Concello de Vigo no que se incluirían os arquivos Pacheco, Llanos e Ksado, mostrados todos eles en diferentes Fotobienais. Pola contra, cremos que todo isto ten que ir acompañado da produción de novas actividades fotográficas, para o cal é preciso ter un proxecto rigoroso, aínda que sexa de mínimos, dados os tempos que corren, e a disposición de levalo a cabo.

A nós tocounos dirixir a actividade fotográfica no período 1984-2000. Agora deben ser outras persoas as que leven adiante este novo proxecto que poña fin ao baleiro de trece anos que existe dende que rematou a Fotobienal, ás que lles desexamos o mellor para que o este proxecto siga adiante.

Agardamos que o proxecto da Casa Galega da Fotografía non se limite a rematar as obras para inauguralo antes das eleccións. De ser así, mellor sería que quede onde está, é dicir, no MARCO. Somos conscientes de que son malos tempos dende o punto de vista económico, pero iso non pode xustificar nin a desidia nin a falta de rigor.

Manuel Sendón

Xosé Luis Suárez Canal

Ata o 30 de setembro aberta a exposición en Cambados

EXPOSICIÓN DAS EXPEDICIÓNS AO UMIA (Nº 9 e 16)

montaxe 1   montaxe 2

Aberta ata o 30 de setembro

CASA DA CALZADA (OFICINA DE TURISMO)  CAMBADOS

VER

Exposición: proxecto MIL RÍOS de F. Herbello e M. Sendón

BLOG EN REFORMAS 

Primeira mostra do proxecto Mil Ríos  realizado por Fran Herbello e Manuel Sendón.

Preséntase o traballo realizado nas expedicións ao río Verdugo (Expedidións 5, 14 e 15).

Inauguración o 5 de xuño, as 20h.

MUSEO DO MAR DE VIGO.

Aparte

BLOG EN REFORMAS O último número da revista EXIT, titulado  Desastres inclúe un dossier de  Cuspindo a Barlovento

Diamante Virxilio. Retratos da maxia cotiá. Faro da Cultura 18/04/2013


Virxilio Faro 18-04-13

O arquivo de Virxilio é un diamante en bruto, polo que hai que pór moito tino en como se talla ou corremos o risco de estragalo.

DIAMANTE VIRXILIO. RETRATOS DA MAXIA COTIÁ

MANUEL SENDÓN

Publicado en Faro da Cultura  18 / 04 / 2013

Como aquelas dos fotógrafos rurais, as imaxes de Virxilio Vieitez -que se poden contemplar, deica ao 19 de maio, na exposición organizada polo Espacio Fundación Telefónica (Madrid)- caracterízanse pola frontalidade, verticalidade, rixidez, mirada directa, ausencia de movemento… Non obstante, estas súas teñen maxia e, máis aló do valor documental, amosan un extraordinario interese dende un punto de vista estético. O tradicional papel do pano de fondo faillo cumprir Virxilio á natureza, aos “haigas” ou á estrada, dando lugar a escenificacións, tan vivas como inauditas, nas que controla ata os máis mínimos detalles. Non hai nada nelas que resulte accidental.

O acto fotográfico era un acto solemne e, no seu caso, chama a atención como relaciona a situación extraordinaria que determina a foto coa vida cotiá da sociedade labrega. Así vemos nenas de primeira comuñón ou señoras vestidas de voda entre as verzas. Esta insólita convivencia non resulta para nada grotesca e si moi rica en significados; non hai a máis mínima intención de ridiculizar, tan frecuente hoxe nas fotos do mundo rural galego, nin tampouco pintoresquismo. Virxilio non retrata “personaxes típicas”, retrata xentes con dignidade, unha das características máis relevantes das súas fotografías.

Realizou un gran número de fotos de carné das que algunhas transcenden totalmente a súa función: son imaxes vivas, nas que o retratado nos devolve a mirada, auténticos retratos. Isto non sucede con todas e, como en todo arquivo, hai imaxes anódinas, como se puido ver na exposición que se presentou no MARCO.

Cando en 1998 Xosé Luis Suárez e mais eu presentamos na Fotobienal a exposición de Virxilio, centrámonos no período 1955-1965, por considerar que era o máis interesante, e dunha forma particular nas imaxes realizadas coa cámara Rollei (1958- 1960). A medida que transcorren os sesenta, a sociedade vai cambiando:a auga corrente chega a Soutelo en 1964; os “haigas” americanos son substituídos polos; Mercedes; no Changüi, a forma tradicional de baile agarrado vese acompañada do twist… E tamén chega á comarca a cámara Polaroid da man dalgún emigrante. Estes cambios reflíctense na forma de entender o acto fotográfico, as do baile solto son un bo exemplo diso. Así, vemos imaxes agora onde o hieratismo dá paso a unha actitude distendida, aparece o movemento e a mirada seria e directa transfórmase en sorrisos e expresións festivas. Esvae a autoridade do fotógrafo, non hai xa aquela coidada e insólita construción; o accidental está presente. Trátase de valiosos documentos, pero carecen da maxia das imaxes anteriores, obviamente por elas non tería pasado a historia.Non obstante, compre pór de manifesto que neste período tamén realiza imaxes de grande interese.

Ao analizar as fotografías de Virxilio, cómpre diferenciar aquelas que o definen doutras accidentais ou anecdóticas. Así, a da familia en moto, tan difundida ultimamente, para alén do seu gran valor documental, non é produto da escenificación que caracteriza aqueloutras máis singulares e, incluso, accidentalmente aparece na parte esquerda un surtidor de gasolina fragmentado, que actúa como un verdadeiro ruído. Outros moitos autores fixeron imaxes similares a esta. Non ten a maxia das outras; é unha fotografía neorrealista, e Virxilio non ten nada que ver co neorrealismo.

Nas fotografías a cor, que estudamos en 1999-2000, obsérvase que, sen abandonar a toma no exterior, a natureza tende a ser substituída polos interiores. A luz natural polo flash. As verzas e animais domésticos por peluches, regalos de bazar ou billetes. O “haiga” polo aparador cheo de botellas de licor. Abundan imaxes de noivas no interior, moi diferentes desoutras en branco e negro, volvéndose nalgúns casos sofisticadas. É máis, moitas delas non inspiran a mesma dignidade que as do primeiro período e, en xeral, non teñen o mesmo interese, pero si hai algunhas que dialogan perfectamente co traballo da primeira época e que deben de ser consideradas, pero sen perder de vista o que é esencial.

Criterios expositivos

Moitas das imaxes de Virxilio lémbranos a esoutras de Sander, Strand, Evans, Avedon e outros clásicos que el descoñecía. Eles si tiñan referencias, porén; a fotografía, no seu caso, viña ser un medio mediante o cal, e a partir da escolma dunhas imaxes, estabelecían unha proposta. Eran autores no sentido que a palabra ten na modernidade. Así Sander, o que resulta máis semellante a Virxilio, en O rostro do noso tempo estabelece a súa visión da sociedade alemá baseándose na escolla dunha serie de fotos, unhas produto dun encargo e outras realizadas ex-profeso. O caso de Virxilio é diferente: el fotografía sen outra pretensión que resolver un encargo; as súas imaxes pertencen a outro espazo discursivo, o que non quere dicir que non teña unha personalidade singular moi marcada. O noso fotógrafo non formulou nunca facer unha proposta con base nunha escolma de imaxes; semellante papel correspóndelle ao comisario da mostra. O criterio que seguimos X.L. Suárez e mais eu en 1998 son moi distintos dos seguidos nesta última exposición madrileña: tanto no que se refire ás fotos escolmadas (diferenza entre as relevantes e anecdóticas) como ao número (excesivo), ás dimensións (sobredimensión), aos enmarcados (marcos de cores na de Vigo) e aínda á posta en espazo (o bosque de columnas da de Madrid).

En definitiva o arquivo de Virxilio é un diamante en bruto, polo que hai que pór moito tino en como se talla ou corremos o risco de estragalo.

Manuel  Sendón. 

MÁIS  SOBRE VIRXILIO VIEITEZ
Conferencia impartida o 20/02/2013. Na Fundación Telefónica de Madrid. VER
file://localhost/0%20CLASES%20conferencias/conferencias/virxilio/vimeo.com:61457038.webloc