texto gondar
Texto escrito por Marcial Gondar no libro casas doentes
MANUEL SENDÓN OU A ECONOMÍA POLÍTICA DO TEMPO.
Séxame permitido suxerir a quen teña a sorte de disfrutar destas “Casas doentes” de M. Sendón, ao tempo monotemáticas e diversas, que considere seriamente a posibilidade de entendelas e, sobre todo, sentilas como fotografía de combate e ao seu autor como retratista orgánico dunha sociedade que aspira a ter un proxecto de seu.Os críticos de arte levan anos ensarillados nunha polémica que leva trazas de non rematar nunca: a da relación entre a arte, a sociedade e a política. Mentres uns reivindican a total autonomía da arte, para os outros a arte e a súa politización non son máis que dúas caras da mesma moeda. A leña que alimenta esta alongada controversia, penso que non é outra que a ambigüidade dos dous conceptos en loita. A demanda dunha autonomía para a arte é ambigua porque tanto pode dar pé a un mero escapismo da realidade se o que se pretende é vivir nunha torre de marfil sen ningún tipo de responsabilidades cara ao exterior, como significar un medio de acadar a propia cota de liberdade fuxindo dos estereotipos e constricións con que a sociedade e, sobre todo, o poder tratan de controlar ao artista. Tampouco a aposta pola politización deixa de estar afectada pola polisemia. Politizar a arte tanto pode querer dicir submisión, máis ou menos libremente consentida, a unha instancia política calquera e nomeadamente a un partido; como pode significar tamén comprometerse coa acción política para orientala e mesmo estetizala sen subordinar en maneira ningunha a praxe artística á praxe política e, por suposto, sen identificar para nada a palabra política coa adhesión incondicional a unhas siglas.Sobre este fondo de ambigüidade, está a medrar unha posición cada vez máis emerxente que defende como folla de ruta para a arte un repregamento sobre si mesma. Dito noutras palabras, a arte debería explorarse a si mesma e ollar para os seus problemas. Partindo da convicción de que a esperanza de mudar a realidade foi un soño do pasado do que cómpre espertar, son moitos os artistas e as artistas que hoxe pensan que coa arte non se pode facer nada máis que arte. Calquera consecuencia, política ou de calquera outro tipo, que se derive dun feito artístico será sempre indirecta e sen ningún tipo de responsabilidade por parte de quen o creou.O problema radica en que tamén esta opinión última que veño de sinalar é verdadeira e falsa ao mesmo tempo. É, por suposto, falso que os artistas teñan crido algunha vez que eles podían, só pola maxia da súa arte, mudar a sociedade: non adoitan ser naïfs até ese punto. Pero, que significa, entón, esa tautoloxía que afirma que “coa arte non se pode facer máis que arte”? Significará, acaso, que coa arte non se pode facer política? A resposta, por forza, será afirmativa se por política entendemos cambiar o sistema económico, o sistema social, as estruturas e as leis. Agora ben, se no que pretendemos incidir é na arquitectura mental, na forma de representar e vivir a realidade que teñen os individuos que conforman os grupos sociais, isto é, se consideramos que para incidir na política das estruturas, previamente temos que actuar a través das conciencias e dos sentimentos da xente, neste caso a arte convértese nun obxecto de primordial importancia como ferramenta da política.Manuel Sendón e a súa obra levan anos instalados nesta concepción política da arte da fotografía pero en “Casas doentes” fainos, desde este punto de vista, unha proposta particularmente suxestiva. Consiste esta en que a aposta polo compromiso está feita non desde a explicitación da imaxe senón desde a suxestión e, o que é aínda máis importante, non desde claves racionais senón emotivas. Isto é, as súas fotos non perseguen o convencemento do contemplador senón a súa sedución.Imos deternos cun certo vagar nas dúas dimensións sinaladas. Se un se deixa empapar por esta achega, pronto se decata de que a suxestión e a insinuación son as grandes armas que o fotógrafo utiliza para loitar contra o adoutrinamento. O grande perigo das mensaxes explícitas é que ao final resultan dogmáticas e maniqueas. Ter vontade de compromiso non significa no autor que a obra traslade mensaxes pechadas que só deixan a quen as contempla a saída de rexeitar ou someterse como cera branda aos seus ditados e, nese mesmo acto, poñerse en risco de renunciar á propia liberdade. O compromiso que Sendón asume non é o de dicirnos que temos que pensar ou que sentir sobre ese segmento da vida (ou, por mellor dicir, da non vida) que el fotografa, senón algo moito máis profundo e humanizador, o de facernos pensar e sentir (pero, iso si, o que nos queiramos) de xeito que as cousas non pasen a carón de nós sen interpelaren as nosas vidas. O resultado é que as súas mensaxes máis que transportar contidos crean campos, máis que pensamentos concretos constrúen as condicións para calquera pensar posible no ámbito do vivir e do habitar.A superación da racionalidade e a opción pola sedución e pola vía emotiva é a outra grande aposta que articula esta entrega.Alguén puidera pensar que o obxectivo principal do fotógrafo foi sacar á luz a estética oculta que se acocha nesas casas, que noutro tempo foron vivenda e parte da identidade dos seus moradores pero que xa non o son, xogando co encadre e coa luz. (Cómpre non esquecer que esas casas, rurais ou urbanas, foron vividas nun momento do tempo onde a xente non preguntaba -E logo, ti quen es? Senón -E ti, de que casa es?). Quen tal pensara estaría a quedar coa punta do iceberg que sae da auga esquecendo as outras dúas terceiras partes que non están á vista. A pouco que o pense, o contemplador descobre que a estética da imaxe, esa beleza ou orixinalidade dunha natureza que de viva pasou a morta, non é para o fotógrafo máis que un xogo de sedución que permite enganchar a quen mira para poder levalo cara a outras vereas. A obra exposta, máis que unha estrutura aditiva, como sería o propio dun discurso racional (cando intentamos argumentar, o que facemos é ir sumando conceptos novos para facer avanzar o discurso), ten unha arquitectura metafórica ou, se se prefire, de círculos concéntricos; algo así como cando deixamos caer unha pedra na auga. A redundancia de ducias de casas distintas pero no fondo iguais remite a escenarios moi variados pero todos eles cunha esencia compartida. Cando barallaba unha e outra vez as fotos para escribir este texto víñanme á cabeza as imaxes dunha multitude de pacientes pero que están a padecer todos a mesma enfermidade e moitos outros escenarios deste tipo, pero había unha comparanza que, sigo a pensar, é a máis acaída á hora de buscar isomorfías ou, quizais máis precisamente, harmónicos desta presada de fotos: a visión do cativo da casa repetíndolle unha e mil veces a mesma petición á súa nai até que esta, rendida pola insistencia, accede aos desexos do neno. Por iso dicía unhas liñas atrás que non estamos na lóxica da razón senón que transitamos por un camiño distinto.No exemplo anterior, non son os razoamentos do neno os que fan cambiar a actitude da nai; o neno non xogou a súa batalla no campo da razón senón no das emocións. A arte está particularmente dotada para este tipo de estratexias de xeito que, se a sabemos utilizar con habelencia, seremos quen de levar a cabo procesos comunicativos non conscientes e, por iso, dunha fortísima capacidade performativa que, por sabido, poden ser utilizados para manipular e someter pero tamén para subverter e emancipar. A pintora norteamericana Nancy Spero vaime permitir unha primeira aproximación ao que quero dicir. Unha das súas últimas retrospectivas na que plasticamente expón a súa denuncia sobre a manipulación masculina das mulleres leva este suxerinte título: “O peso do corazón fronte á pluma da verdade”. O enunciado da mostra encerra todo un compendio de epistemoloxía e teoría da acción. É un lugar común escoitar que o forte dos varóns está na razón, o pensamento abstracto e a lóxica mentres que os sentimentos, os afectos e a imaxinación serían os campos nos que as mulleres levan vantaxe. Se temos en conta que, xa desde os gregos, a razón é a que se pretende que nos defina como seres humanos mentres que as paixóns son as que nos igualan aos animais, queda ben claro que o que se intenta con esta atribución de calidades, máis que unha descrición obxectiva, vén ser unha outra forma de marxinación.Pero, o que resulta de verdadeiro interese para o tema que nos ocupa é o feito de que o poder político (quizais todo tipo de poder) utiliza esta mesma estratexia cando se relaciona cos seus administrados. Asumindo plenamente a aspiración hegeliana de ser a cabeza de Napoleón, as Administracións tentan sempre presentarse como encarnación da pura racionalidade mentres que tratan e representan aos seus administrados como animais dominados por sentimentos, instintos e paixóns e, polo tanto, necesitados dun adestrador que os eduque e controle. O auriga que, seguindo a metáfora platónica, controla con brida e fusta ao cabalo lacazán e ao desbocado, é o perfecto retrato desta forma de conducirse e de representar que, por efecto dos mecanismos de socialización, vai pouco a pouco internalizándose na cidadanía.A resposta que tradicionalmente deron as mulleres a esta marxinación foi afirmar, o que é verdade, que as ecuacións home=razón, muller=corazón non ten ningunha causa xenética senón que non é máis que unha interesada construción cultural, algo para o que se nos vai educando xa desde o momento de nacer.O que pretendo argumentar aquí é que, así como en moitas artes marciais se ensina a aproveitar no propio beneficio a forza do adversario, as mulleres e calquera outro colectivo que estea a padecer un proceso de subalternización debería tamén aprender a afondar nas vantaxes que, á hora de loitar contra a “pluma da verdade” pode ter ese “peso do corazón”, desenvolvido artificialmente como se fose un foie de canard, nesa socialización marxinante na que os que controlan o poder nos obrigan a educarnos.Unha anécdota pode bastar para introducirnos nas vantaxes que representa para a cidadanía o utilizar a vía das emociones como arma de loita contra a manipulación en lugar do tradicional recurso ao mundo da lóxica e á razón abstracta. Imaxinemos o seguinte escenario: un fumador empedernido acode ao médico na procura de remedio para a molestísima tose crónica que padece; o doutor explícalle con todo luxo de detalles os perigos a que se expón se non deixa o tabaco. O paciente queda convencido pero, cando ao saír da consulta se dirixe ao bar do lado a tomar un café, case que con total seguridade vai botar man ao peto na procura do seu paquete de cigarros. Outra escena. A mesma persoa, pola tarde, decide ir ao Corte Inglés coa intención de mercar algunhas cousas que precisa. Para non se deixar arrastrar pola pulsión incontrolada de comprar fai una lista das súas necesidades; supoñamos que son tres produtos os que pon na lista. Se na súa listaxe ían tres cousas, cando abandone o centro comercial non vai saír con menos de nove produtos, tres veces máis dos que precisaba.¿Por que o doutor no tivo éxito coa súa minuciosa explicación sobre algo que tanto lle interesa a calquera paciente como é o problema da súa saúde e El Corte Inglés consegue venderlle cousas das que non ten ningunha necesidade? Non podo analizar con detalle os mecanismos que están por debaixo destas condutas pero si intentar un breve bocexo por máis que sexa impresionista. O médico tratou de convencer o noso paciente con razóns, “coa pluma da verdade”, El Corte Inglés soubo seducilo co peso do corazón”. As persoas, por moito que digamos, no fondo, non actuamos por razóns senón por emocións, dito doutra maneira, no son os discursos os que nos moven senón as imaxes e as emocións. Fronte ao pensamento racional, os psicólogos do mercado, os profesionais do marketing e da publicidade e os propios vendedores redescubriron que existía tamén un pensamento emotivo, que moitas veces nin sequera chega a tematizarse na conciencia de quen o utiliza pero que, á hora da verdade, é o que decide en última instancia boa parte das nosas condutas. É mais, chegaron á conclusión de que, se se coñecen as regras de funcionamento deste pensamento emotivo, é posible chegar a condicionar a conducta dos potenciais compradores. Descoñezo absolutamente se Manuel Sendón ten coñecemento académico das técnicas diso que no argot do ramo se denomina marketing social, o que si estou en grao de afirmar é de que, sexa ou non o caso daquel Mr. Jourdain de Molière que falaba en prosa sen sabelo, a metáfora e o concepto sobre o que está construída “Casas doentes” cumpre con nota as regras da arte. Tampouco a cousa é tan estraña como puidera parecer porque o fundamental destas técnicas que hoxe estudan, entre outros, os psicólogos do mercado e os profesionais da publicidade, o marketing non as inventou senón que (ao igual que con tantas outras cousas, o arroz basmati, por exemplo) o que fixo foi copialas das distintas formas da literatura oral e dos rituais con que contan as chamadas sociedades tradicionais para socializar os seus membros. A quen como aos galegos e galegas nos deparou o destino vivir en sociedades en transición, isto é, aquelas nas que, en moitos aspectos, o capitalismo segue a realizarse con mentalidade artesanal, posuímos, aínda que sen conciencia temática, moitas destas técnicas de transmisión subliminar de mensaxes. Só por vía de exemplo, gustaría de explicitar sucintamente a que, ao menos no meu ver, é a principal mensaxe subliminar desta achega de Sendón na que se privilexia a vía da sedución sobre a da racionalidade: a recuperación da vivencia da temporalidade na sociedade galega.Unha das características máis sobresaíntes da sociedade contemporánea (tamén, cada vez máis, da galega tanto rural como urbana) é esa forza con que continuamente nos atopamos que tende a facer pensar o presente como a dimensión exclusiva do tempo. O acelerado ritmo da vida diaria, a velocidade con que chegan a nós as imaxes máis afastadas, a flexibilidade do traballo que erosiona o vello concepto de profesión como actividade duradeira que acompañaba a persoa ao longo de toda a súa vida, a transformación da economía de produción en economía de mercado que fai nacer en nós a ilusión de que todo está ao alcance da man sen necesidade de ningún tempo de espera (non precisamos agardar a que o xastre nos faga o traxe, nos grandes almacéns témolo pret a porter), a autorreferencia dos sistemas, etc., etc., fai que o tempo (e tamén o espazo) se compriman nunha especie de presentismo. De todas as dimensións do tempo só nos quedamos coa de presente e, polo tanto, vivimos como se o presente fose o único real. Mesmo o futuro, que pasa por ser o paradigma de orientación da nosa época (pénsese na importancia que no actual imaxinario social se lle dá á idea de progreso), se reparamos ben, tamén resulta eliminado. O futuro que proclama e exalta a mercadotecnia non é o que virá mañá senón o que hoxe mesmo xa se pode mercar nos grandes almacéns. A modernidade logrou o milagre de conseguir que mañá sexa xa hoxe.Agora ben, esta redución ao presente, por outra parte fuxidío e evanescente –o cambio continuo e acelerado é fundamental para que o sistema económico poida continuar a se reproducir– trae como consecuencia que quedemos sen referentes cos que poder relacionar e comparar os procesos e, por consecuencia, sen posibilidade ningunha de comprendelos nin menos controlalos. A consecuencia é obvia: o que na realidade son problemas socioculturais e, polo tanto, producidos polas persoas, van ser percibidos como se fosen procesos naturais. Prodúcese a impresión da naturalización do social. Quérese dicir, preténdese que actuemos como se a sociedade obedecese a leis naturais que os humanos podemos aspirar a coñecer pero non a modificar.O ser social adquire o ar dun sistema obxectivo e abstracto que se desenvolve acorde a unha lóxica específica. Segundo esta imaxe, as persoas poderían aproveitarse desta lóxica do sistema pero o que non sería posíbel facer é sometela ás súas necesidades e desexos. Por dicilo cunha metáfora meteorolóxica, poden utilizar a lóxica do mercado como quen se adapta ao sol e á chuvia pero sen poder modificar o rumbo das nubes.Fronte a este presentismo e ás súas consecuencias a única saída que cabe a quen non se sinta cómodo nesta mistificación é reivindicar unha política do tempo. Dito con máis precisión, reivindicar unha política que utilice a cultura como ferramenta para fuxir desta manipulación da realidade que, se ben é útil para proporcionar suculentos réditos económicos aos que se benefician dela, ten altos custos psicosociais e de todo tipo para a cidadanía que ten que sufrilos.Este uso político da cultura tería por tarefa retemporalizar a vida ou, se preferimos dicilo así, producir tempo de xeito que sexa posíbel poñer as cousas en perspectiva e, desta forma, contrarrestar ese inmediatismo que nos está a afogar. Esta recuperación do tempo, materia pendente da modernidade, ten, tanto na Galiza urbana como na non urbana, unha especial urxencia dadas as características do cambio acelerado que nos últimos decenios estamos a padecer. Como é sabido, temos no noso país a poboación máis envellecida do Estado, o que quere dicir a poboación máis envellecida de Europa. O que é, con todo, máis preocupante é que este nada pequeno segmento non só comparte co resto da poboación a eliminación do pasado, o que quere dicir a ruptura coa súa propia memoria, senón que amosa unha acentuada xenreira cara a todo o que ten que ver cos tempos de antes. Unha anécdota visualiza, penso, o que pretendo dicir: acababa eu de restaurar e colocar no patio da miña casa un antigo arado romano na aldea na que vivo cando chegou por alí María, a miña vella veciña do pé da porta, hoxe propietaria dunha desas horrendas casas-palafito que tanto abundan nos nosos pobos pero que conserva en ruínas a súa vella casa natal de perpiaño. Ao preguntarlle se lle gustaba como quedara, contestoume cun ¡non! rotundo e sen paliativos. -Por que? díxenlle. –Porque me recorda a escravitude! Detrás dunha resposta deste tipo hai todo un programa vital de esquecemento, de querer sacar o pasado de diante da vista porque nel se mesturan o sufrimento, o odio e até a vergonza. O problema está en que o pasado dunha vida vainos acompañar sempre por moito que cambiemos, non se pode borrar como se borra un encerado nunha aula; se non buscamos unha forma de reconciliarnos con el aínda cando esteamos a traballar para superalo, arrastramos con nós unha situación parecida á do fillo nacido pobre que se avergonza dos seus pais diante dos seus novos amigos ricos. Chegamos ao final do percorrido por esta reflexión-sedución que sobre o tempo fai o noso fotógrafo. Nas fotos que aparecen na mostra hai dous feitos que quero destacar porque abren unha porta á esperanza a respecto da situación que comento. Un é unha ausencia. Dentro desta paisaxe do abandono no que as persoas que daban vida ás vellas construcións xa non están, nunca aparece a ruína absoluta; as hedras, as silveiras e os tellados ou portas medio caídas, aparecen ás veces pero sempre a obra é susceptíbel de restauración. Non é un final; hai posibilidades de futuro. O outro feito estimula tamén a autoestima. En moitas das casas que fotografa Sendón aparece o teléfono móbil a onde pode chamar quen estea interesado en comprala. Parece un dato sen excesiva importancia pero subliminarmente está a lanzar unha mensaxe de importancia: o que uns desprezan e abandonan por inútil, segue a ter capacidade de ilusionar o futuro doutros. Outros que, na maior parte dos casos, encarnan o futuro no que, curiosamente os vellos propietarios devecen por instalarse.Marcial Gondar