texto caujolle

Texto publicado por Christian Caujolle no libro casas doentes 

Radical. Redondo, a cor e frontal, o novo traballo de Manuel Sendón non deixa ningún lugar para o azar. Perfectamente rigoroso, preséntase de forma explícita e reivindicada como unha afirmación do estilo documental máis puro. 

Serial, esta colección que interroga unha arquitectura en tensión entre vilas e cidades, repite con precisión un encadre axustado que obriga o noso ollo, prisioneiro ,a circular polo seu interior e ler cada detalle. A repetición  do motivo  da rede –verde escuro- e da lona, así como algúns signos e textos (entre outros a mención “véndese” declinada baixo todas as súas formas) dinos que se trata de hoxe. E un sente unha evidente urxencia nesta aproximación que nos fala dun mundo, dunha arquitectura, en definitiva dun modo de vida e dunha cultura que vai desaparecendo.  

Moitas vilas da Galiza rural  convertéronse en pantasmas dos cales  non quedan máis que as fachadas que podían semellar decorados de cine, detrás dos cales a natureza e a vexetación recuperan os seus dereitos. As árbores e as plantas déixanse ver a través de fiestras devastadas.   

Neste percorrido determinado e constante, a memoria está en xogo. Memoria dun mundo xa desaparecido do que só quedan  imaxes.  

Porén, o ton non é nada nostálxico e a repetición dos planos impón máis ben unha forma de rabia fronte á perda definitiva dunha parte do patrimonio local.  

En efecto, non podemos impedirnos non pensar, fronte a estas aparencias enganosas, que houbo xente vivindo alí, que as ocuparon familias, que houbo animais, nenos, festas, loitos e iso durante séculos. Unha sociedade tan queda como as imaxes que gardan a súa  pegada e que a aceleración da urbanización, dende a segunda metade do século vinte, condenou ao pasado. Uns edificios que se non se derruban non terán outro futuro que o de segunda vivenda para os habitantes máis acomodados da cidade que xa non van saber nada do xeito de vida dos seus avós ou tataravós.  

A unidade de luz, que subliña a sutil variación das tonalidades, contribúe amplamente á coherencia  da serie e ao sentimento de contemporaneidade que une o conxunto. A elección da cor é perfectamente asumida e controlada, sen efecto, con constancia e finura. 

Dende hai varios anos, a fotografía de arquitectura ocupou un lugar cada vez máis importante  na produción fotográfica. Pero, salvo algunhas excepcións, e sobre todo na cor, está dominada pola escola alemá dunha frialdade característica e, digámolo, cada vez máis  monótona cando os alumnos dos alumnos dos extraordinarios artistas que son os Becher chegan ao mercado. 

O traballo de Manuel Sendón non ten nada que ver con esta  aproximación cada vez máis deshumanizada. Se as súas imaxes son evidentemente silenciosas, se non se trata de reproducir senón de preguntar, se a aproximación é frontal, a tonalidade é profundamente humanista. Non hai –por sorte– ningún lirismo nesta serie profundamente fotográfica. Pero hai un tempo que se impón, inmóbil, atravesado dunha forma asemade grave e discreta polo paso do tempo e a instalación da morte. 

Iso permíteo a elección do encadre, dunha precisión singular, que nos obriga a ollar os primeiros planos e, ás veces, os laterais dos edificios diante dos cales a natureza  inventa xardíns de herbas tolas e de bosques incipientes de árbores sen cortar. A  presenza destes signos mantén a interrogación e permite superar a simple constatación. Este punto de vista case seco sobre unha realidade perfectamente ignorada polos media leva a fotografía documental ao seu punto de excelencia. Sen charlatanaría ningunha.  

Christian Caujolle

Escribe un comentario