2004 a memoria do álbum
Fotos de 125 x 170 cm, realizadas sen cámara
“Que facía as veces da fotografía antes da intervención da cámara fotográfica? A resposta que un agarda é: o gravado, o debuxo, a pintura. Pero a resposta máis reveladora sería: a memoria”. John Berger
A forma non selectiva de actuar da memoria, lembrando as vivencias gratas e esvaecendo as desagradábeis, ten a súa correspondencia na fotografía privada. Así os álbums fotográficos fórmanse partindo dunha escolma non arbitraria de imaxes, de cara a construír unha historia baseada na idealización do pasado que se asume como propia.
Deste xeito o álbum ten mesmo vida de seu, sufrindo transformacións de forma continua ao incorporar novas imaxes que decote rompen a temporalidade na que inicialmente se baseaba, e podendo chegar a se converter nun auténtico palimpsesto. Porén o que frecuentemente chama a nosa atención non son estas incorporacións senón os baleiros deixados por imaxes que desapareceron.
En ocasións a ausencia é debida a que a foto que ocupaba ese lugar xa non é consistente coa historia que se pretende construír, pero a súa pegada evócanos as vivencias que o filtro selectivo da memoria tampouco é quen de anular totalmente.
Noutros casos as desaparicións non son intencionadas, senón simple consecuencia do envellecemento que co paso do tempo sofre o álbum como obxecto. Deterioro paralelo ao que experimentan tanto os corpos como a memoria dos seus protagonistas.
As expresivas pegadas deixadas polas fotografías ao levaren consigo parte do material do álbum, como se se resistisen a deixar de formar parte del, evócannos a importancia da memoria tanto colectiva como individual e o drama que constitúe a súa perda.
manuel sendón 2004
Serie incluída na exposición Ausencias e Memoria organizada polo Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo, presentada en 2004 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela . Itinerou posteriormente a Vigo (Caixanova) e ao Museo de Pontevedra.
Reproducidas no libro Ausencias e Memoria ( ISBN:84-87882-29-3) publicado polo CEF no 2004.
2006: CGAC. Cuaro fotografías desta serie foron adquiridas polo Centro Galego de Arte Contemporánea e incluídas na exposición O futuro da actualidade (2006)
2009: Nordelicht, Groníngen
Varias obras desta serie incluínrose na exposición
Lost and Found en Groningen, Holanda






