Archivo de Enero 2009

PhotoEspaña disfrázase de Galega

Enero 15, 2009

PHOTOESPAÑA DISFRAZASE DE GALEGA

Neste outono inaugurouse PhotoGalicia organizada pola Fundación Caixa Galicia. Nun principio poderíase pensar que se trata dun festival máis, similar a algún dos existentes, como o Outono Fotográfico de Ourense ou Revela, ou a outros xa desaparecidos, como a Mostra Fotográfica de Lugo ou a Fotobienal de Vigo. Porén hai unha grande diferenza. Estes festivais, a pesar das distintas concepcións ás que respondían, foron pensados e realizados dende Galiza, mentres PhotoGalicia consiste en importar PhotoEspaña a Galiza cambiándolle o nome. Tráense as exposicións realizadas en Madrid, engadíndolle a dunha artista galega, como se con isto xa fose abondo para converterse nunha produción galega. E se ben é certo que a empresa  organizadora de PhotoEspaña ten todo o dereito a vender aquí as súas exposicións, outra cousa ben diferente é usurpar os nosos sinais de identidade, presentando o festival como unha creación galega.

Que a Fundación Caixa Galicia, ou calquera outra institución, mostre exposicións realizadas noutras latitudes obviamente non só non é criticábel, senón que é desexábel, é un bo complemento a outras pensadas e organizadas dende aquí. Outra cousa ben diferente é mercar todo o paquete en bloque e reducir a iso a programación do festival, facéndoo pasar por unha produción galega, como se non fósemos quen de pensar por nós mesmos e seleccionar o que queremos mostrar e como queremos facelo. Con esta forma de proceder a institución dá a impresión de ser incapaz de producir un produto propio que contribúa á dinamización da creación fotográfica en Galiza e cumprir desa forma co seu papel de institución pública galega. Galiza ten que participar no debate da contemporaneidade e iso pasa necesariamente por confrontar o propio co alleo, co que isto leva consigo a nivel de debate e reflexión,  pero non se acada converténdose nunha axencia de recepción. É tan estéril o illacionismo como o mimetismo ante o alleo.  Imaxínanse a existencia de PhotoCataluña?  Ou  á Fundación La Caixa mercando todo o paquete e cambiando España por Cataluña? Evidentemente non existe PhotoCataluña, como non existe PhotoEuskadi.

A exposición galega que inclúen, Frías, frágiles, durmientes, de Victoria Diehl, merece un comentario. En primeiro lugar dicir que considero de extraordinario interese a súa obra, que coñezo e admiro. No Centro de Estudos Fotográficos editamos o seu libro Vida e morte das estatuas e organizamos a súa primeira exposición. O seu traballo é do máis interesante que se fixo en fotografía neste país nestes últimos anos.  Unha vez dito isto debo engadir dúas cousas. Primeiro: non hai reciprocidade na relación con Galiza, dado que esa exposición non foi incluída en PhotoEspaña e non creo que o vaia ser, a pesar de que o seu interese transcende claramente o ámbito galego, como demostra a súa proxección fóra. Segundo: a exposición presentada en Vigo é a mesma, agás unha foto, que a realizada hai poucos meses na Galería Bacelos na mesma cidade. Un festival fotográfico ten sentido se contribúe a dinamizar a creación e a reflexión fotográfica. Habería, polo tanto, que aproveitar a ocasión para proporlle á artista, co tempo adecuado, a realización de novas fotografías, unha boa oportunidade para encetar un novo proxecto. Iso esixe dedicación e interese, en definitiva outra formulación, pero se o que se quería era exhibir unha imaxe nas rúas, nos aeroportos ou na publicidade mediática, entón claro que non era preciso contribuír á produción de algo novo.  A reflexión sobre isto transcende esta exposición en concreto e lévanos a reflexionar sobre a función das exposicións e programacións, e sobre o papel das institucións e dos comisarios na produción cultural.

Os tempos que vivimos, caracterizados polos cambios nas tecnoloxías da comunicación, fan que non haxa fronteiras para o coñecemento. Isto é extraordinariamente positivo e introduce modificacións na relación entre os centros de poder importantes e a periferia, á que en maior ou menor medida pertencemos, abrindo novas posibilidades para a difusión de proxectos dende ela,  pero tamén leva implícita unha gran tendencia ao uniformismo a partir dos valores e características da cultura dominante. Isto fai que adquira máis valor que nunca o dito de que a única forma de participar do universal é dende a defensa do particular, pensamento moitas veces repetido pero moi poucas aplicado con tino.  A miña experiencia de comisario, xunto con Xosé Luis Suárez Canal, da Fotobienal de Vigo demóstrame a eficacia desta formulación e como cunha proposta que teña certa singularidade se logra o respecto e interese por parte doutras culturas, así como o enriquecemento da propia e a súa proxección no exterior, e posibilítase realizar propostas que noutro caso serían imposíbeis ou de moito máis alto custo económico.

Xorde o interrogante de se hoxe, coa plena incorporación da foto á arte (co que isto implica no plano orzamentario) unido á proliferación de centros de arte contemporánea, seguen a ter sentido os festivais fotográficos tal como eran concibidos nas décadas dos oitenta e noventa. Aínda que iso é outra cuestión.

Quero deixar claro antes de concluír que non estou a facer unha crítica á calidade das exposicións de PhotoGalicia, nin á escolma de autores realizada. No seu momento non só expuxemos a Victoria Diehl senón tamén A G. Basilico e a J. Valhonrat. Recomendei aos meus alumnos que as visiten, e dunha forma particular a de Eugene Smith polo seu extraordinario interese. Teño que dicir tamén que, dende o seu inicio en 1998, teño colaborado con PhotoEspaña formando parte de diferentes xurados e facilitando o contacto con fotógrafos que querían incluír nas súas programacións logo de expoñeren na Fotobienal de Vigo.  Non obstante, as reflexións aquí expostas leváronme a non aceptar a invitación que me fixeron para participar nunha mesa redonda dentro de PhotoGalicia.

Malia ter pensado en diferentes ocasións escribir sobre PhotoGalicia, e máis dunha persoa mo ter suxerido, non quería ser eu quen o fixese por ter sido un dos comisarios da Fotobienal de Vigo, pero o feito de que ninguén tratase esta cuestión unido a esta invitación do Xornal de Galicia, decidiume porque creo que é unha reflexión necesaria.

 

Manuel Sendón